Paradela destina 352.000 euros ao mantemento da rede de abastecemento
O Concello de Paradela vén de informar que sacou a licitación un contrato por valor de 352.363 euros para garantir o funcionamento, mantemento e conservación da rede de abastecemento de auga, depuración e sumidoiros do municipio.
Este contrato, impulsado polo goberno local liderado por Montserrat Mulet, busca que unha empresa especializada asuma o mantemento en óptimas condicións das estacións de tratamento de auga potable, das redes e depósitos vinculados ao abastecemento, así como dos sumidoiros e da estación depuradora de augas residuais.
Segundo o prego de condicións, o obxectivo é asegurar o bo funcionamento e realizar os traballos necesarios para que a calidade da auga potable e dos efluentes sexa adecuada, garantindo a potabilidade e o cumprimento dos requisitos legais esixidos.
A xunta de goberno local aprobou este contrato nunha sesión celebrada en novembro, cunha duración prevista de dous anos. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o próximo 24 de xaneiro.