1.800 viaxeiros de 80 asociacións abren a terceira edición do Coñece a túa provincia
A Deputación de Lugo arrancou este mércores a terceira edición do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia. Esta tempada, que se repartirá en dúas quendas, a primeira dende marzo ata o 16 de xuño e a segunda en outono, mantéñense as 37 rutas polo territorio lucense. En total, na primeira quenda desta edición, participan preto de 1.800 viaxeiros de 80 entidades da provincia.
A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, foron os encargados de dar a benvida ás primeiras entidades participantes este ano: a Asociación de Veciños de Cumbraos, de Monterroso, e a Asociación de Viúvas Julia Minguillón, de Lugo. Os ulloáns visitaron o Pazo de San Marcos e achegáronse á comarca de Sarria, mentes que o colectivo lucense coñeceu o traballo que realiza a Produtora de Audiovisuais e o patrimonio de Lourenzá e Mondoñedo.
García Porto destacou que a institución provincial volve con este programa gratuíto “ante o enorme éxito que tiveron as dúas edicións anteriores, nas que participaron preto de 5.000 persoas de máis de 220 colectivos da provincia de Lugo”. Esta iniciativa está dirixida a asociacións e colectivos sen ánimo de lucro de toda a provincia e consiste en viaxes gratuítas, en pequenos grupos, dunha xornada de duración por diferentes puntos da xeografía lucense seguindo diversas rutas polo patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico.
“Esta é unha das medidas que puxemos en marcha neste mandato co obxectivo de que a veciñanza da provincia coñeza mellor toda a riqueza patrimonial das distintas comarcas lucenses e dinamizar desta forma a economía local, sobre todo o turismo, a hostalería e o comercio”, subliñou a Deputada.
O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.