1 x 1.000
Por Rebeca Maseda
Como poder vivir mil historias nunha soa vida? Como se explica a maxia do cine? Sinto auténtica fascinación polo mundo do audiovisual, todo o que engloba e representa. Desde o labor dos/das guionistas, directores/as, actores e actrices ata o dos/das compositores/as, técnicos/as de todo tipo ou responsables de publicidade e marketing. É un universo no que a creatividade e a fantasía están moi presentes, sendo ingredientes imprescindibles para o bo facer e o éxito ou non dunha produción.
Dentro de todos/as os/as profesionais do sector, gustaríame falar dos/das compositores/as da industria audiovisual. E digo industria sen ningún tipo de complexo ou punto negativo: Acaso paixón, profesión ou traballo son termos irreconciliables?
Cando pensamos nunha película, curtametraxe, serie de televisión, etc., é moi probable que se nos veña á cabeza un tema, ou polo menos o anaco dunha melodía. Un grupiño de notas musicais que incluso podemos asubiar cando estamos na ducha, cociñando ou lavando o coche. Cancións que quedan impresas na nosa memoria e que nos acompañan ao longo da vida. Isto acontece cando os/as bos/boas compositores/as sacan a súa variña e fan maxia... Si, cando atopan esa combinación perfecta de brancas, negras, corcheas, silencios e demais habitantes da partitura para dar vida ás imaxes a través do son.
Son moitos/as os/as compositores/as que compuxeron grandes bandas sonoras ao longo da historia do cine, pero quixera poñer tres nomes na palestra: John Williams, Ennio Morricone e Hildur Gudnadóttir. Un de Nova York, outro de Roma e outra de Reykjavik. Sen dúbida, tres nomes que resoan con forza no “olimpo cinéfilo”.
Atreveríame a dicir con toda seguridade que a maioría de nós podería cantaruxar algunha melodía do compositor estadounidense John Williams (1932): Star Wars, Indiana Jones, Tiburón, A lista de Schindler, Harry Potter... O afamado cineasta Steven Spielberg –un tándem perfecto ao longo da historia-, dixo del que “era atemporal e ía camiño de ser eterno”. Se o di Spielberg, como negalo!
Fillo dun percusionista da orquestra de radio CBS, estivo exposto á música desde unha idade temperá. Comeza a estudar piano cando era neno e máis tarde asiste tamén a clases de trompeta, trombón e clarinete. Moi axiña a súa carreira como compositor comeza a tomar forma, tratando de orquestrar as súas propias pezas cando era adolescente. En 1948 múdase a Los Ángeles coa súa familia, onde estuda composición en privado e tamén brevemente na Universidade de California. En 1951 é recrutado nas Forzas Aéreas dos EE.UU., e durante o seu servizo, encárgase de organizar a música da banda e tamén de dirixila. Un exemplo de talento e constancia desde ben noviño.
O segundo nome dese “olimpo cinéfilo” é o do italiano Ennio Morricone (1928-2020), outro “deus” consagrado na composición de bandas sonoras: Cinema Paradiso, O bo o feo e o malo, La misión, Malena... Canta beleza concentrada, cantos recordos que nos transportan a lugares distantes, a outras vidas cheas de intensidade e aventuras infinitas.
De pequeno foi compañeiro de colexio de Sergio Leone –outro tándem perfecto- co que máis tarde colaborou en case tódalas súas películas ata a morte deste. Tralo colexio ingresou no Conservatorio Santa Cecilia de Roma, onde estudou trompeta e composición. A súa carreira cinematográfica empezou nos 60 e foi realmente prolífica, contando con máis de 500 traballos feitos.
A compositora islandesa Hildur Guðnadóttir (1982), tamén violonchelista, pertence a outra xeración e desenvolve unha importante carreira na industria audiovisual. Provén dunha familia de músicos, o seu pai é compositor, clarinetista e profesor de música e a súa nai, cantante de ópera. Empeza a tocar o violonchelo aos cinco anos e debuta aos dez anos acompañando á súa nai. Posteriormente estuda na Reykjavik Music Academy composición e novos medios na Iceland University of the Arts e na Universidade das Artes de Berlín.
Entre as súas composicións máis recoñecidas atopamos as bandas sonoras para a serie de HBO, Chernobyl e para a película Joker. Segundo contou Hildur, a música de ‘Chernobyl’ compúxoa xunto a Chris Watson e Sam Slater na mismísima central nuclear de Ignalina (Lituania), onde se rodou boa parte da miniserie. A citada central, hoxe día sen actividade, é coñecida como ‘a irmá de Chernobyl’ debido ao gran parecido estrutural do seu reactor co da central que sufriu o accidente. Os músicos gravaron na central todos os sons posibles cos que posteriormente compuxeron a BSO. “Á parte da miña voz, cada un dos sons da música foron gravados na propia central nuclear. Conseguimos extraer das portas as melodías máis delicadas e sacar os ruídos máis atronadores das salas dos reactores e das turbinas”.
Música de cine ou música para vivir mil vidas.