11 anos de Wu Shu (Kung Fu) no concello de Láncara

SarriaXa
11 anos de Wu Shu (Kung Fu) no concello de Láncara, un deporte de contacto derivado das artes marciais chinas tradicionais
wu shu Lancara
7 Nov 2022

Este deporte de contacto derivado das artes marciais chinas tradicionais lévase impartindo no concello de Láncara da man de José Manuel Fernández e José Manuel Nunes dende hai 11 anos.

As Escolas Deportivas Municipais de Láncara, convértense no escenario axeitado para acoller as clases de Wu Shu (Kung Fu) nas que participan decenas de alumnas e alumnos do municipio.

A primeira canteira de alumnos creábase no curso 2010-2011 e dende o 2015 incorporouse á oferta de actividades das Escolas Deportivas Municipais de Láncara. Desde entón, varias xeracións de nenos e nenas practican esta disciplina e forman parte deste proxecto chegando a conquistar, nas modalidades deportivas do Wu Shu (Kung Fu), varios ouros e pratas en copas provinciais e campionatos autonómicos.

Entre eles sobresaen Cristian Vázquez Seijas e Roi Pérez López, que se atopan na actualidade preparando o exame a grao técnico faixa negra primeiro duan (dan) a través da Real Federación Española de Judo e Disciplinas Asociadas, unha das poucas federacións que contan co recoñecemento do Consello Superior de Deportes.

Máis coñecida fóra da China pola palabra Kung Fu “Esmero Constante”, o Wu Shu constitúe unha das máis antigas e variadas formas de combate e defensa persoal. Tal é a sí que este patrimonio cultural do pobo chinés, no remoto pasado en que a China exercía unha importante influencia nos pobos veciños, interviu nas orixes de artes marciais estranxeiras como o Kempo, antecesor da disciplina xaponesa Karate, e do Taekyon, antecesor da disciplina coreana Taekwondo, entre outras.

Dentro do Wu Shu atopamos máis de 300 sistemas de combate ancestrais que, á súa vez e na súa maioría, contan con dous ou máis estilos. Atopamos sistemas zoomórficos (inspirados nos movementos e aptitudes de animais), sistemas ideomórficos (inspirados en principios filosóficos), ou sistemas civís e militares (procedentes dos tempos en que os exércitos combatían a cabalo portando lanzas, alabardas, sabres e espadas).

Para coñecer máis información acerca deste deporte de contacto e seguir o traballo de tódolos nenos e nenas, pódese visitar a súa páxina web wushulancara.wordpress.com ou a súa canle de YouTube.

0.15386509895325