113.000 euros para obras de mellora de camiños da zona de montaña de Láncara

O Concello de Láncara vén de sacar a licitación por un importe de 113.000 euros as obras de mellora de diversos camiños da zona de montaña, unha actuación financiada ao abeiro dun convenio coa Deputación.
As intervencións dividiranse en tres lotes, cada un cun prazo de execución de dous meses. O primeiro inclúe a mellora do acceso ao núcleo de A Esafarrapa, cun orzamento de 26.700 euros; o segundo lote abrangue a vía a Bustelo, con 38.100 euros; e o terceiro corresponde á mellora dos accesos a A Casabarxa, O Furco e A Cortella, cunha licitación de 48.200 euros.
Estes camiños, pertencentes ás parroquias de Santiago de Cérdez e Vilouzán, atópanse nun estado "moi deteriorado e con importantes deficiencias", con multitude de fochancas, segundo recolle o expediente.
ACTUACIÓNS
Así, os traballos incluirán a limpeza e retirada de maleza, pedra e terra das cunetas, a eliminación do firme en mal estado, o tapado de fochas e, por último, a aplicación dunha nova capa de aglomerado nas zonas máis danadas.
Estas actuacións en vías rurais enmárcanse no chamado plan de mellora viaria para zonas de montaña que promove a Deputación.
As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas para calquera dos tres lotes ata o día 17 de marzo, segundo se recolle no anuncio publicado na plataforma de contratación electrónica da Xunta, Silex da Consellería de Facenda.