130 ciclistas percorrerán hoxe a I Ruta Cicloturista dos Cabaleiros de Santiago en Paradela

SarriaXa
Participa na I Ruta Cicloturista dos Cabaleiros de Santiago o domingo 11 de decembro no concello de Paradela
ruta cicloturista paradela
11 Dec 2022

Con motivo do Bicentenario do Concello de Paradela, o municipio organiza hoxe domingo 11 de decembro a I Ruta Cicloturista dos Cabaleiros de Santiago que transcorre entre as paisaxes do concello que é fito do Camiño Francés a Compostela.

Esta ruta cicloturista está deseñada especialmente para ser realizada con bicicletas BTT, isto é, bicicletas todo terreo deseñadas tanto para practicar deporte na montaña como para ir por camiños máis doados.

Para esta ruta hai inscritos 130 ciclistas que van percorrer un total de 34 quilómetros, comezando por un anaco da Ruta do Loio, pasando por San Martiño de Castro para continuar cara a San Facundo, para percorrer logo a Ruta Camiño Vello de Aldosende e despois subir cara a  Penarredonda, continuar cara a Nai subindo o Alto de Bidueiro e  despois continuar a A Serra para finalmente percorrer os camiños do Monte de Lagüela e rematar na capital do concello.

A entrega de dorsais vaise efectuar ás 8.30 horas no Mercado Gandeiro de Paradela. Desde o Mercado efectuarase a saída ás 9,30, pasando xa ao comezo os participantes xunto da estatua homenaxe ós Cabaleiros de Santiago, erixida con motivo dos douscentos anos do Concello de Paradela, por ter nacido esta orde de Cabaleiros defensores do Camiño e dos Peregrinos no Mosteiro paradelense de Loio.

Os ciclistas disporán de duchas, lavado de bicis, avituallamento no percorrido e servizo médico, e o Concello de Paradela ofreceralles uns pinchos ó remate do percorrido.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15499210357666