135 asociacións participarán na nova tempada do programa Coñece a túa provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Xunta de Goberno aprobou hoxe a listaxe de entidades sen ánimo de lucro que se beneficiarán da iniciativa impulsada pola Deputación.
Pilar Garcia Porto rolda de prensa deputacion
11 Feb 2022

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a listaxe de 135 colectivos admitidos para participar na segunda tempada do programa Coñece a túa provincia, unha iniciativa que consiste en viaxes gratuítas pola xeografía lucense para entidades sen ánimo de lucro que impulsou a institución coa dobre finalidade de fomentar o coñecemento da riqueza patrimonial da provincia entre a propia veciñanza e apoiar a actividade dos sectores hostaleiro, turístico e comercial, dos máis prexudicados pola pandemia.

A Voceira socialista do Goberno e tamén Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, explicou que das 170 solicitudes recibidas durante o período de inscrición, foron admitidas 135 seguindo a orde de inscrición ata completar as prazas dispoñibles, tal e como sinalan as bases.

Ademais, aceptáronse 32 entidades que entran na listaxe de agarda e tres solicitudes foron excluídas por non cumprir con algún dos apartados da convocatoria.

Nesta segunda convocatoria do programa Coñece a túa provincia 3.036 persoas gozarán das viaxes, que terán lugar en dúas quendas, entre a semana do 14 de marzo e oo 30 de xuño, e da 12 de setembro a novembro.

A Voceira lembrou que “rematamos a primeira edición do programa con moi boas sensacións e cunha resposta dos participantes moi boa. Esta segunda convocatoria demostra que o traballo fíxose ben e estamos moi contentos e orgullosos do poder de convocatoria desta iniciativa”. O programa “naceu con vocación de continuidade e contribuirá, de maneira moi importante, á recuperación sostible do sector turístico, da hostalería e do comercio local, os sectores máis castigados pola pandemia gracias ó seu  efecto multiplicador”.

Granxa Gayoso Castro

A Xunta de Goberno sacou tamén adiante a adxudicación da prestación de servizos veterinarios na Granxa Provincial Gayoso Castro da Deputación Provincial de Lugo. Foron aprobados o servizo especializado en podoloxía para o desenvolvemento do programa de prevención de coxeiras e problemas podais a Diego Villasante Armas por un importe de 6.160€

García Porto explicou que tamén se adxudicou, no mesmo contrato, o servizo de reprodución e mellora xenética por 60.000€ a Xénese E.T.E. Veterinarios S.L. A duración do contrato será dun ano, podendo prorrogarse por un período de tempo de un ano máis.

Recursos humanos

A Xunta de Goberno aprobou a licitación por 6.899,47€ e un ano de duración do contrato para o mantemento das licencias de uso do sistema para a xestión do control horario do persoal da institución provincial.

Centros de Atención a Maiores

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou a autorización da cesión dos contratos dos servizos de prestacións básicos nos centros de atención a maiores de Trabada e Pol á empresa galega Troncoso Casares S.L., que xa traballa na residencia de Meira.

0.17394804954529