X. Félix López Arias, máis coñecido como Arlindo: "O meu compromiso vital é co fomento da cultura de Sarria"
Falamos con Xaime Félix Arlindo López Arias, mestre xubilado, avogado e historiador en activo de Sarria, presidente do Seminario de Estudos Sarriaos e promotor da cultura da comarca de Sarria mediante o seu papel en asociacións culturais e no pasado como cronista oficial de Sarria.
Onde naceu e viviu o historiador de Sarria, máis coñecido como Arlindo?
Eu nacín nun lugar que se chama A Hermida, que está na parroquia de Santiago de Nespereira, aquí en Sarria. Despois, vivín ata os 8 anos en Manzaneda, na parroquia de San Miguel de Bidueira, onde estaba meu pai traballando de mestre. Cando morreu, volvemos a Sarria.
O bacharelato fíxeno en Sarria, fun examinarme a Lugo por libre e fixen dous anos de Maxisterio por libre en Sarria. Ao terceiro ano, marchei a Lugo, xa que en Sarria non había quen me puidese dar música. No ano 68 aprobei Maxisterio y dediqueime ao ensino durante 42 anos.
Primeiro, estiven de interino substituíndo mestres que estaban de baixa durante un ano e despois entrei no que se chamaba Campaña de Alfabetización, que era para maiores.
Despois, pasei a un centro de Educación Permanente de Adultos en Sarria onde estiven ata que o suprimiron e nos integraron no instituto Gregorio Fernández.
Paralelamente, no ano 1971 cursei por libre en Santiago os estudos de Traballador Social co propósito de que me deran acceso a Dereito. Máis adiante, co título de Maxisterio podías entrar en calquera tiulación, pero naquel momento só deixaban entrar en filosofía e letras. Polo que facendo o graduado social si que podía, entón fixen eses estudos ponte.
Desta maneira, fixen Dereito por libre pola UNED e no ano 1979 xa me colexiei como avogado no Colexio de Avogados de Lugo e sigo activo no momento.
Compatibilicei as dúas profesións ata que me xubilei e agora sigo dedicándome ao dereito, especializándome en cousas pequenas parar non perder as ganas de traballar.
Mestre e avogado, pero tamén historiador. Como xorde a súa paixón pola investigación histórica?
A min sempre me gustou o de investigar porque xa vén de tradición. Meu pai xa fixera investigación histórica e etnográfica e eu crieime nun ambiente no que atopaba os seus escritos e había unha biblioteca, polo que xa desde pequeno fun nese sentido.
Eu dedícome á investigación da comarca, nunca me centrei en Sarria só como concello, porque a comarca é unha unidade que funciona en conxunto. Non podemos illar Triacastela do Incio nin de Paradela… Independentemente da separación xeográfica, somos un grupo humano que vén de séculos atrás.
No Centro de Educación Permanente para Adultos chegamos a ter clases de Xeografía e Historia comarcal, que foi o que deu pé a facer publicacións e á creación do Seminario de Estudos Sarriaos con entre 200 e 300 exemplares que deron lugar a unha sensibilidade e preocupación polos temas históricos e culturais da zona.
Agora estamos editando e recollendo datos e publicando libros de vez en cando, como Santa María Magdalena de Sarria.
Conta con apoios para levar a cabo o seu labor de recollida e investigación histórica?
Eu sempre intentei involucrar a máis xente na cuestión, porque Sarria é unha das comarcas con máis información e máis ricas de España. Samos, por exemplo, ten documentación desde os anos 700 e 1.200 e aí está, parroquia a parroquia. Téñoo todo traducido do latín ao galego e imos publicando información para poñer a disposición da xente.
Con respecto a se teño axuda, si. Algunhas familias fanme aportacións de documentos, papeis vellos que á xente non lle vale, entón tráenmos. Tamén o Concello me deixou unha base para facer un arquivo histórico comarcal e poder almacenar esa información e eu sigo recolléndoa, pero tamén ten que ser o Concello e a área de Cultura quen o faga.
Logramos que se dixitalizasen os fondos e publicacións que había, porque neste arquivo histórico non só recollemos cousas puramente documentais e históricas, senón tamén a publicidade desde o século XIX en diante para saber como foi evolucionando o tema. Tamén recollemos publicacións do xornalismo e neste momento María Macía, licenciada en Historia pero xubilada, está ordenando. Eu fun apañando e agora están clasificando.
"A comarca de Sarria é unha unidade que funciona en conxunto"
Promóvense actividades para presentar as obras editadas e así implicar á xente?
Só avisamos ás persoas que sabemos que están interesadas no acontecemento e facemos o labor de distribución aos que sabemos que poden ser colaboradores.
Ás veces compleméntase cunha conferencia unha vez ao ano na Unión ou na Casa da Cultura. Cando foron os 100 anos da electricidade, por exemplo, fíxose unha historia redactada e unha exposición.
Cantas obras leva editadas en toda a súa vida?
Obra non moita, pero do Seminario de Estudos Sarriaos hai vinte exemplares que están en papel e tres en prensa de 700 páxinas cada un. Obras como tal teño algunhas editadas e publicadas. Teño dous relatos que recibiron o premio do Pedrón de Ouro e un conto publicado na Editorial Base.
Despois, a Deputación de Lugo publicoume María Magdalena, a primeira provincia de Lugo, e tamén teño publicado o traballo sobre a electricidade,
Por outra parte, teño un montón de obra pendente de rematar, como o tomo de Samos e unha novela. E acabado de editar sen publicar tamén teño un libro que de 700 páxinas que inclúe toda a información sobre os Hospitais de Sarria.
E sobre outros traballos abertos, está a recolección de datos sobre as mortes violentas que aconteceron entre 1924 a 1950 nas guerras e paseos que deron lugar a mortes silenciadas. Agora nós sufrimos a orfandade de acceso aos datos sobre os soldados que morreron na Guerra Civil. Os datos oficiais ás veces dan o nome e ás veces non se sabe nin de que concello eran.
Na prensa antiga vas sacando cousas e agora mesmo temos información sobre máis de 400 persoas da comarca de Sarria que morreron na guerra, antes ou na época dos Maquis.
"Unha das cousas que fomentou o Seminario é a afición de recollida de fotografías"
Como é dirixir o Seminario de Estudos Sarriaos?
É facer de todo. Recollemos información coa colaboración das persoas que facilitan documentación e fotografías, que xa é moito.
Unha das cousas que fomentou o Seminario é a afección de recollida de fotografías, e isto pasou a asumilo a Sociedade Unión, con Manuel Bellas, quen se dedicou de maneira sitemática á recollida de fotografías de familia.
Agora, hai unha base de 4.000 fotografías que deron lugar á publicación dun libro, no que eu colaborei na parte literaria, que recolle a vida do traballo de fotografía do xornalista sarriao Víctor López Villarabid, co cal temos a memoria gráfica de Sarria, que está moi ben recollida, e seguimos con iso desde o Seminario.
En todos os números aparecen algunhas fotografías coas que tratamos de dar a coñecer as personaxes que teñan relación coa comarca. E sempre que morre alguén facemos un estudo da súa vida e obra e da súa relación con Sarria.
Entre as súas profesións, tamén está a de ser o cronista oficial de Sarria. Como foi a experiencia?
A experiencia foi interesante porque, primeiro, non pedín para nada iso. As asociacións culturais presentaron unha solicitude no Concello e, se cho piden, tes que aceptar.
Con respecto da función en si, eu intentei documentar todo o posible en relación co Concello. Collín datas, fixemos a reorganización do arquivo e recuperamos unha serie de documentos que estaban no faiado, esquecidos.
Fóronse recollendo porque había unha desidia total de documentación, de maneira que nin as actas dos século XIX estaban en libros, senón atados por alí, perdéndose. Logramos que hoxe as actas estean encadernadas.
Ademais, recolleuse unha galería de sarriaos ilustres, que hoxe na Casa do Concello, no Salón de Plenos, están representados en retratos colgados das paredes, porque son os fillos predilectos de Sarria.
Tamén fixemos unha procura de fotografías dos alcaldes que houbo. O primeiro e máis antigo aparece no 1873 e os demais están expostos por orde segundo a súa vila ou concello.
Despois de toda unha vida dedicada á ensinanza, ao dereito, á investigación... Cal diría que é a súa vocación, o que lle define como persona?
Para min é o compromiso con todo o que teña que ver coa cultura de Sarria.
É dicir, por exemplo -para completar todo iso darlle unha estrutura aberta-, todo o relacionado coa cultura a través do Centro de Educación Permanente de Adultos fixémolo patente nunha asociación que aínda permanece: a Asociación Cultural Arcas, dentro da que está integrado o Seminario de Estudos Sarriaos.
Iso montámolo no Centro de Educación Permanente de Adultos e desenvolvemos ata trece actividades de todo tipo para a promoción dos adultos, sempre a partir de 18 anos. E aí tamén está encamiñado o curso de Historia e Xeografía comarcal. E, ademais, para facelo máis vivo, fixemos un grupo de sendeirismo e un grupo de excursionismo.
No grupo de excursionismo dedicámonos a coñecer a comarca a pé facendo andainas e tamén algunha fóra da comarca, por Galicia en diante. En concreto, xa fixemos a actividade máis destacada en etapas e ao longo dos anos, desde Sant Jean Pie de Port a Fisterra a través do Camiño de Santiago.
"O que me define como persoa é o compromiso con todo o que teña que ver coa cultura de Sarria"
Na promoción do Camiño de Santiago tamén colaborei e desde concellos e asociacións púxose en valor o Camiño de Santiago antes de que a Xunta se preocupase del. Que, por certo, atendeu a isto antes a Deputación de Lugo que a Xunta, que isto é algo que non se destaca demasiado.
Realmente, as primeiras actuacións serias e oficiais fixéronse con Francisco Cacharro Pardo, antigo presidente da Deputación de Lugo, que era xefe superior meu. Nesa etapa primeira foi a Deputación conxuntamente con nós, que fixemos nacer a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo, quen empezou a valorar o Camiño.
Fixemos unha actividade moi destacada e tivemos unha presencia importante desde Sarria con persoas do Concello que cabe destacar, como o político e avogado Antonio Díaz Fuentes e o xornalista e escritor Víctor López Villarabid.
Despois de tantos anos, aínda está a desenvolver traballos de edición. Fálenos sobre eles.
O máis importante é o Tesauro Sarriense, que é unha recompilación por orde alfabética de persoas e personaxes, todos os falecidos da comarca e cousas destacadas: institucións, nomes de casas da comarca, muíños, montes, comunidades, parroquias… Todo ordenado alfabeticamente. Ata o de agora temos mecanografadas 4.266 páxinas, máis o que se pode engadir nesas páxinas manuscritas que vou escribindo todos os días.
Ese si que é un labor de recollida diario a través dos xornais e de procura cara a atrás. Hai tres fontes das que se pode beber: no Portal de Arquivos Españois (PARES), que permite o acceso a todos os arquivos estatais; na biblioteca dixital de Galicia Galiciana, que me dá acceso a toda a prensa publicada desde 1.700 en diante en Galicia, e en prensa virtual, porque ás veces hai datos que non os atopas en prensa galega.
Houbo unha época en que para cousas de Lugo había mellor información no Boletín de Ourense, porque en Lugo non o tiñan no sistema. Agora xa está resolto.
O que pretendo é concentrar as noticias que andan dispersas por aí nun sitio, porque se están dispersas, son curiosidades; pero se ti agora vas metendo todo sobre un tema, chega un momento en que hai globalidade e entendes o fenómeno no seu conxunto.
Entre outras accións destacadas, tamén colabora con prensa. Gústalle o ámbito xornalístico?
Si, desde os 18 anos xa colaboraba en prensa xuvenil. En Lugo había 'El Clavo', onde colaboraba habitualmente mentres estudaba Maxisterio.
Tamén en Sarria publicábanse xornais como Candil e Eco, nos que tamén colaborei.
Despois, en prensa comecei a colaborar en El Ideal Gallego no 68 con artigos en galego, que deu lugar a que me investigara a Guardia Civil.
En La Voz de Galicia colaborei tamén bastantes anos. Nunha época estiven facendo a publicación dos domingos con varios históricos. Cando pasou a editar o DOG, a La Voz de Galicia non lle interesaba que os artigos foran en galego e dixeron que non se ía publicar máis.
"Sempre fixen unha aposta clara polo galego"
En El Progreso tiven varias seccións. Agora levo “Os fornos de atrás” onde falo de cousas sobre Sarria e a comarca.
Tamén en revistas como Corga, do Corgo, trato temas históricos; e en Libre Don, da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Galicia, tamén publico normalmente se piden un artigo.
Todos os seus escritos están en galego, é unha aposta clara traballar nesta lingua?
Si, a menos que sexa por esixencias do guión, escribín en galego sempre porque eu herdei a tradición de meu pai, un dos alumnos de Vicente Risco.
Cando eu tiña 10 anos e iamos á casa da aldea e vía a biblioteca que tiña meu pai, descubrín a primeira edición das Cruces de Pedra e toda a obra de Lamas Carvajal.
Eu non tiven que facer ningún descubrimento do galego, o único ir cambiando as grafías, pero foi unha aposta clara sempre polo galego.