O Servizo de Atención Temperá de Sarria subliña a boa relación de apoio mútuo que ten coas familias
O Servizo de Atención Temperá da comarca de Sarria leva en funcionamento algo máis de ano e medio durante o cal atendeu ás familias dos concellos de Sarria, Láncara, O Páramo, Paradela, Triacastela, O Incio e Samos, que subvencionan, xunto coa Xunta, este servizo.
O SAT é unha prestación gratuíta para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e 6 anos con trastornos do desenvolvemento ou risco de padecelos, ou ben se dea unha situación de vulnerabilidade.
Este servizo, ademáis de ser enfocado á crianzas, tamén está dirixido ás súas familias e á súa contorna, xa que, como explican desde o SAT, “o acompañamento familiar é unha premisa básica”.
Actualmente, o equipo profesional está conformado por unha psicóloga, unha logopeda, un mestre psicomotricista e unha pedagoga con formación e/ou experiencia neste eido da atención temperá e desenvolvemento infantil.
Este equipo de profesionais encárgase da acollida, valoración evolutiva (diagnose) e intervención interdisciplinaria dos nenos e nenas de 0 a 6 anos, con trastornos ou situacións vulnerables do desenvolvemento.
A intervención interdisciplinaria consiste en artender ao desenvolvemento psicomotor, cognitivo, da linguaxe e comunicación, autonomía, área social e afectiva, etc. dos nenos.
Tamén prestan apoio emocional, social, informativo e formativo á familia relacionado coa información diagnóstica ou co trastorno do desenvolvemento.
Outra das funcións deste equipo é a de orientar sobre outros apoios económicos, sanitarios, educativos e sociais dos que se poden servir para resolver os problemas do neno e coordinan eses recursos sanitarios, educativos e sociais.
Ademais das múltiples funcións que realizan a nivel particular cos nenos e as familias, tamén se encargan de sensibilizar a contorna comunitaria respecto da comprensión do que lles pasa aos nenos e nenas, para evitar prexuízos.
"A relación coas familias é de confianza e de apoio mútuo"
O equipo deste servizo di que o trato coas familias é "fabuloso" e que están "moi agradecidos do trato e a confianza que en nós depositan".
Así, din que se trata "dunha relación de confianza e apoio mútuo" que posibilita "a efectividade do noso labor", xa que "é primordial a existencia dunha boa alianza terapéutica".
Tamén o é cos nenos, que van "moi contentos e adoitan desfrutar do tempo compartido cos profesionais, que fan a súa intervención ao redor do lúdico, co cal habitualmente para os nenos é un xogo", explican desde o SAT de Sarria.
Así, lembran que en Nadal propuxeron unha xuntanza á que convidaron aos nenos, ás súas familias e á contorna máis próxima deles co obxectivo de "ir un paso máis alá no establecemento desa relación de confianza fundamental, buscando a creación dunha rede de apoio interfamiliar".
Defenden que esta iniciativa tivo "moi boa acollida", polo que a intención do SAT é "continuar creando estes momentos, onde todos e todas nos sentimos escoitadas e entendidas".
¿Cal é o procedemento de actuación cos nenos?
O Servizo de Atención Temperá non ten un procedemento xeral de actuación porque "a tipoloxía de intervención depende da casuística e obxectivos marcados", declaran.
Porén, sosteñen que a premisa básica que debe cumprirse é a personalización da prestación e a flexibilización, e que o procedemento a seguir, como norma xeral, é:
- O primeiro, a consulta de acollida coa familia, un tempo coa familia no que se aborda a situación actual e do tempo pasado (fitos evolutivos e outras circunstancias salientables).
- Sesións de valoración en sala do menor e da súa familia, se é preciso, cos profesionais.
- Ademais, búscase tamén o intercambio de información e a coordinación con outros axentes implicados.
- Cando se dispón de información relevante e suficiente, elabórase o PPI (Plan Persoalizado de Intervención) que se lle presenta e se modifica, de ser preciso, coa familia.
- Finalmente, teñen lugar as sesións de apoio ou intervención cuxa periodicidade tamén é variable.
- Simultáneamente a este proceso, ten lugar unha avaliación continua do PPI implementado para modificar, adecuar ou dar de baixa o servizo por cumprimento de obxectivos.
As instalacións do Servizo de Atención Temperá
Actualmente, as instalacións nas que se desenvolve a actividade do Servizo de Atención Temperá sitúanse nun edificio paralelo e independente ao CPR Plurilingüe Nosa Señora da Asunción, en Sarria, aínda que tamén prestan o servizo no CEIP San Miguel de Paradela como excepción para atender a algunhas familias dese municipio.
Dispoñen dunha sala de reunións familiares, un lugar onde se realizan as consultas de acollida e "onde levamos a cabo a entrevista inicial cos familiares, así como calquera outra reunión ou sesións de apoio coas familias", explican desde o SAT.
Contan cunha sala de psicomotricidade moi ampla e luminosa dotada de materiais específicos como colchonetas, bloques e conxuntos de psicomotricidade.
A terceira sala que forma parte das instalacións é unha dedicada á logopedia, á psicoloxía e á pedagoxía. Nela, hai mesas de traballo adaptadas para que os profesionais leven a cabo a sesión de apoio co neno. Esta sala está equipada con material preciso específico (material de estimulación oral, material para estimulación cognitiva, xoguetes de diversa tipoloxía, encaixables, pizarras, novas tecnoloxías…).
Por último, teñen unha sala de traballo para reunións do equipo e aseos adaptados. Ademais destas salas, contan tamén co equipamento preciso para as cuestións administrativas (equipos informáticos, material de oficina…).
Experiencias negativas e positivas das familias no SAT de Sarria
As familias que acoden ao Servizo de Atención Temperá da comarca de Sarria teñen á súa disposición un buzón de queixas e suxerencias no que poden depositar de forma totalmente anónima calquera cuestión que desexen trasladar. Ao carón deste, dispoñen de enquisas anónimas.
Simultaneamente, cada certo tempo, realízase unha sondaxe do grao de satisfacción familiar. Así, coñécense tanto as valoracións positivas como negativas das persoas que tiveron que facer uso do servizo.
O equipo de profesionais, pola súa parte, din agradecer "que se nos comuniquen os aspectos bos e malos para ser coñecedores e, se é posible, tomar as medidas oportunas para mellorar".
Experiencias positivas
O equipo do SAT Sarria comentan algunhas das experiencias satisfactorias que as familias plasman:
- "A nosa experiencia foi moi satisfactoria, pois acadaronse os obxectivos previstos. Aportáronnos a axuda necesaria para o que nese momento era motivo de preocupación. Grazas polo bo equipo que sodes".
- "O que máis nos gusta do SAT é a profesionalidade, a actitude, o acompañamento e escoita ás familias".
- "A experiencia foi moi boa porque aparte de tratarnos con cariño e amabilidade conseguimos que o meu fillo avanzara súper rápido e para ben".
- "O que máis agradezo é o trato, a atención e a preocupación que teñen tódolos profesionais que levan a cabo o servizo".
Experiencias negativas
Pola súa banda, tamén queixaron deixar o testemuño literal de persoas que amosaron opinións máis negativas:
- "Estar pendente da licitación cando o servizo é inmellorable".
- "Continuidade a partir dos 6 anos".
- "Hai lista de espera para acceder á logopeda, no noso caso precisaría dunha sesión semanal pero por falta de horas dispoñibles só temos unha sesión cada 15 días e iso é moi pouco tempo".
- "Intranquilidade se a concesión do servizo varía xa que para os nenos e a familia é importante manter uns profesionais de referencia".
- "Debería ter máis profesionais".
Que ten que facer unha persoa que queira dispoñer deste servizo?
O primeiro que ten que facer unha persoa que queira ser beneficiaria deste servizo é ser menor de idade e que estea empadroado nun dos Concellos que conforman esta agrupación (Sarria, Láncara, O Páramo, Paradela, Samos, Triacastela e O Incio).
A partir dese momento, se a familia ten algunha dúbida sobre o desenvolvemento do neno, debe acudir ao servizo de pediatría do centro de saúde que lle corresponde e informar ao pediatra de referencia da sospeita de trastorno do desenvolvemento ou de calquera outro ítem evolutivo que preocupe.
No caso de que a detección ou a sospeita se orixine fóra do ámbito familiar (institución educativa, escolas infantís, casas niño…) o profesional de referencia debe de informar á familia e entregarlle cuberto un formulario de derivación aos servizos de pediatría e esta realizar o devandito procedemento: acudir ao pediatra de referencia e iniciar o procedemento de derivación.
Independentemente de quen detecte a sospeita, para ser beneficiario do SAT, o protocolo de coordinación, intervención e derivación interinstitucional en atención temperá determina que pediatría debe de canalizar as preocupacións e realizar a pertinente derivación ao SAT.
Expectativas cara ao 2023
Desde o Servizo de Atención Temperá de Sarria declaran que para este ano 2023 o obxectivo é continuar mellorando nas prestacións ofrecidas: na atención que se facilita aos usuarios para cumprir o obxectivo común a todos os casos: mellorar a calidade de vida de nenos e nenas e as súas familias.
Así mesmo, "gustaríanos realizar máis actividades, de carácter ameno e distendido, coas usuarias e usuarios", defenden.
Por outra banda, considerando as suxerencias familiares, "o equipo profesional tamén estimamos preciso a ampliación de recursos humanos integrando no equipo á figura do terapeuta ocupacional", algo que depende das administracións.