Julio Páramo: "O obxectivo do Museo Paixón Slot é xerar vocacións cara ao automobilismo"
Falamos con Julio Páramo López, enxeñeiro técnico industrial que tivo unha longa etapa profesional traballando no sector do automóbil. Desde hai uns anos decidiu volver a Sarria e, chegado o momento, apostar por un proxecto novidoso e único no mundo: un museo da historia do automobilismo a través de miniaturas de slot.
Desde cando profesa ese amor polo automóbil?
Desde neno, case desde a primeira infancia. Meu pai traballaba fóra do domicilio, na Coruña, eu son de Sarria, e todas as findes de semana traíame unha miniatura de coche desas marcas clásicas que se vendían en España, Guisval, Joal, Pilen...
Fun xuntando unha pequena colección coa que xogaba e supoño que a orixe da afección vai por aí, xa que o primeiro Scalextric tíveno no nadal do ano 1976 o que é o meu primeiro contacto co slot (concepto que coñecín moitos anos despois).
Estudei algo que me enfocara a poder traballar nese mundillo. O mais factible en Galicia era Enxeñería Técnica Industrial.
Que é o slot?
O slot é o xenérico do que en España se coñece como Scalextric (que foi a marca que introduciu a hobby en España). O concepto naceu no ano 1957 en Inglaterra, ‘slot’ vén do inglés e significa rañura. Fai referencia á rañura por onde circula un elemento dos coches que é a guía.
Os coches en miniatura teñen ademais de esa guía dúas patilliñas de material condutor por onde se recolle a corrente continua, de arredor de 12 voltios, de dúas pistas metálicas que van a os lados da rañura. Esta corrente alimenta o motor que leva o coche e o fai circular pola pista.
Ademais, normalmente a pista é desmontable, pensada para que os pequenos montaran e desmontaran as pistas e fixeran carreiras.
Como xurdiu a idea de crear o Museo Paixón?
Co enfoque de estudar algo relacionado co automóbil, a partir da adolescencia fun comprando revistas e xerando coñecemento e afección.
Cando empecei a traballar, puiden acceder a comprar algún libro, esa etapa ademais coincidiu cos inicios de internet o que me deu posibilidade de coñecer cousas que nin sabía que existían. Así, fun creando un arquivo con información que ia gardando.
A mediados dos noventa houbo un boom de oferta do slot, con coches con calidade de maqueta estática, algo impensable hasta aquel momento, e eu fun comprando todo o que puiden. Co tempo, o meu arquivo tamén tiña medrado, constituíndo xa un corpus sobre o sector.
O resultado foi un gran volume de miniaturas e documentos que para min xa non tiña sentido gardar sen máis. Eu non tiña unha casa grande que me permitise ter un espazo para desfrutar da colección, pero aínda que o tivese para min o único que tiña sentido era musealizar a colección para desfrutala e ofrecela a terceiros para que tamén a poidan desfrutar.
No momento en que empezou a crise dos 2007 - 2008 eu seguía coleccionando, pero pensando xa no obxectivo do museo, co que cada compra ía orientada á musealización e ás posibles faltas que puidese haber na colección.
Para aquel momento, eu xa teño claro que o criterio de musealización ten que ser cronolóxico e contar a historia da industria do automóbil a través da competición.
Este é un museo de miniaturas de slot que reproducen coches de competición reais, por tanto conta a historia dos coches, pero tamén das marcas, do márketing, da tecnoloxía, etc.
Ademais, como o automóbil é unha industria tan sistémica e importante nas economías, ao final, tamén contas a historia económica e a historia en xeral.
Este sería o único museo de miniaturas Slot do automóbil do mundo?
No mundo hai dous museos cuxa colección principal son os coches de slot: un está nos Ángeles e outro está en Houston. Despois, museos de miniaturas estáticas de coches hai moitísimos, hai coleccións moi grandes, algunhas desde os ano 30 e 40 do século XX.
O Slot é máis recente, de finais dos 50, e con volumes importantes a partir de finais dos 60. Eses dous museos existentes están enfocados ao slot propiamente dito como hobby, un de eles ao slot americano e o outro toca todos os paus, pretendendo ser a Wikipedia do slot, sen ter un criterio concreto.
O museo de Paixón Motor Slot estará enfocado ao automobilismo real a través do slot, o que si o faría único do mundo.
Como vai ser ese Museo?
Eu quero unha dinámica no Museo, poder xerar eventos, darlle vida... Que non sexa estático nin morto, nin un almacén de cousas; senón que sexa un museo vivo enfocado a temas de saber, de educación, vinculado ás institucións educativas, formación profesional...
Cara a rapaces máis pequenos, pódese ensinar conceptos básicos de electricidade e magnetismo, algo que é moi fácil de aprender a través dun xogo como este.
Tamén queremos xerar un vínculo coa universidade en canto á historia do automobilismo, que sirva de dinámica e de actividade complementaria para coñecer a historia, que é moi importante para calquera actividade. Se se coñece a historia, sempre se sabe por que xorden os acontecementos e así é moito máis fácil reter e asimilar as cousas que aprendes.
Pero o obxectivo final sería xerar vocacións, que no futuro haxa mozos que se enfoquen á industria do automóbil ou á industria en xeral a partir das súas experiencias na institución.
Que as persoas que veñan ao museo aprendan cousas para min sería o máis importante.
Eu, por exemplo, botei de menos que alguén me orientase de neno, e ter apoio cando fun estudar a Vigo. Ao chegar á universidade, non atopei nada en ese sentido, nin sequera algún libro específico sobre o tema, non había nada, ningunha conexión coa industria.
Haberá que pagar unha entrada para entrar?
Haberá entrada de pago, pero neste tipo de sitios hai que crear distintos formatos de entrada para distintos status de visitante.
A xente de Sarria terá un status especial, haberá socios e socios protectores que poderán entrar todo o ano, e iso hai que valoralo.
Para colexios, para grupos, para asistentes estándar... todo terá entrada diferenciada, pero para soster unha infraestrutura deste tipo hai que darlle valor e hai que cobrar entrada.
Por que en Sarria?
Podería parecer desatinado porque Sarria é un pobo pequeno, pero nunha cidade pode quedar diluído un tema destes con toda a oferta que hai, pero un pobo pequeno serve de vector e de dinamizador e pode ter máis peso un museo deste tipo.
Ademais, en Sarria comeza o Camiño Francés a Santiago do orde de 95.000 ou 100.000 persoas cada ano, xa que está a algo más de 100 km de Santiago, e é un sitio de referencia. Coñéceo moita xente.
Pensamos en instalar o museo nun sitio que está a 100 metros do Camiño de Santiago, nun desvío mínimo. Así, pódense aproveitar moitas enerxías. O slot é un hobby coñecido en todo o mundo, calquera persoa de calquera sitio do mundo tivo ou puido ver un xogo de slot cando era pequeno e creo que hai potencial instalando o museo en Sarria.
Estamos falando do antigo cine Cissa?
Si, o proxecto está pensado inicialmente co obxectivo de que estea no edificio do antigo cinema Cissa e así estase a traballar. Estamos a negociar coa propiedade e hai cousas avanzadas.
Hai que conseguir os recursos necesarios pero se non dan os números polo feito de facerse en esa localización e si se desen en outro sitio menos ambicioso así o fariamos. A opción A é o cinema Cissa.
Como se sente ao volver a Sarria?
Penso que é unha obriga. Eu formei parte das primeiras xeracións de persoas que saíron masivamente a estudar fóra, pero volvín. Fun sempre dos que pensaba que era unha obriga para nós tratar facer algo nos nosos lugares de orixe.
Deixei Vigo e o sector de automóbil e a nivel profesional nun momento dado no que, ou me quedaba para sempre ou volvía cara a Sarria para facer algo.
Quero retornar ao sector a través de esta institución museística, xerando unha actividade profesional e económica ao redor dela.
Que falta para poñelo en marcha?
O proxecto está bastante armado, pero falta o capital. Estamos buscando financiamento porque queremos xerar unha actividade económica como calquera outra.
É un investimento importante e un proxecto ambicioso, pensamos que ten que ser así, porque se non, non funcionaría.
Por outra banda, non sabemos aínda a forma xurídica definitiva, será a mais adecuada para a factibilidade e sostenibilidade do proxecto. Non seremos unha empresa ao uso, porque non pensamos só no beneficio, senón que os beneficios vanse reinvestir no museo.
Agora mesmo seguen saíndo ao mercado novas miniaturas e nós tamén queremos contar isto. Queremos contar a historia do slot comercial, e temos que seguir facendo novas aportacións á colección e tamén seguir contando a historia das tempadas que están por vir.
Un museo é un gran investimento e a actividade ten que ser sostible, pero non pensamos exclusivamente no beneficio, só que se sosteña por si mesma.
Haberá promoción?
Vai haber promoción internacional. O Slot xera as súas propias dinámicas a nivel internacional, e aínda que agora mesmo soamente queda unha publicación dixital sobre o slot en España isto acabará saíndo en todos os medios internacionais do sector.
Teñen apoios doutras entidades?
Temos apoios institucionais recoñecidos desde a Federación Española do Automobilismo, desde a Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña e desde a Escola de Enxeñería de Vigo.
Pero tamén de persoas como Manolo Lage (natural de Rábade), que é un enxeñeiro xubilado de ENASA, e Barreiros, que é o escritor máis prolífico sobre o sector en español.
É un proxecto que está armado, con apoios que lle dan robustez, que ten unha razón detrás.
Con respecto ás institucións, por agora temos boa receptividade, non por todo o mundo igual, pero si que penso que polo menos as institucións deben xerar unha interlocución normal con calquera persoa que teña un proxecto.
E máis se é un proxecto diferencial como este.
Como está indo a exposición dunha parte da colección do museo MIHL?
Estou contento pola afluencia de xente que veu porque ademais é un museo que non é moi visitado, que está bastante abandonado... Pero estou contento, sobre todo polo feedback.
A xente unha vez que entra de visita, rapidamente di que o vai difundir para que veña algún interesado.
Noto un feedback moi positivo e o libro de visitas que temos móstrao. Ademais, un factor determinante é a duración das visitas, e hai xente que queda hora e media.
A exposición piloto é so unha extracción da colección total, con dous tramos cronolóxicos 54, 55 e 56 e do 69, 70 e 71.
Escolléronse estas porque nos 50 empezaron os regulamentos das competición do automóbil coa filosofía que chega hasta actualidade, e os primeiros 70 porque foi o punto álxido da idade de ouro do capitalismo, onde había multiplicidade de competición con moitas marcas implicadas. Só do ano 70 hai case 150 coches.
Ademais, hai pinceladas de outras temporadas a través de rincóns temáticos nos que tamén se mostran miniaturas.
Ao principio, esta exposición ía estar ata o 26 de febreiro, pero decidimos que se alongara ata o vindeiro 9 de abril.