O PP de Samos critica que o goberno local non restrinxa o uso da auga e a alcaldesa defende que non é necesario
O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, cualifica de “irresponsable” que o equipo de goberno non tome medidas con respecto ao uso da auga "a pesar de que moitos veciños xa teñen problemas para dar de beber ao gando e incluso para abastecerse na súa vida cotiá”.
Moitos concellos da provincia xa tomaron medidas para regular o seu uso, outros están a recomendar un uso responsable e o resto están a avaliar a posible toma de medidas restritivas ante a falta de choivas e as elevadas temperaturas e Miguel Gallego denuncia que o Concello de Samotás “está a malgastar miles de litros de auga no baldeo das beirarrúas da vila, rega de xardíns e xardineiras con mangueiras e caldeiros, malgastando uns recursos moi valiosos”.
“Non se pode entender que mentres a maioría de administracións públicas piden que se faga un uso responsable da auga, no Concello de Samos se gaste esterecurso tan valioso en limpar beiarrúas cando hai veciños que teñen problemas de abastecemento”, denunciou.
Pola súa parte, a alcaldesa argumentou que se está facendo un uso responsable da auga, polo que, por agora, non van limitar o seu uso e, ademais, lamenta que a oposición non saiba valorar todo o que levan feito nun mes e medio.