Toni Rodríguez, da Asociación Fanagueiros: “Queremos construír un parque infantil en Eirexalba para que veñan nenos á parroquia”
Por Jessica Fernández
Como xorde A Asociación Fanagueiros?
A Asociación creouse hai trinta anos, máis ou menos, cando un home que era de aquí de Eirexalba emigrara e, ao volver, quixo promover actividades culturais nesta parroquia e foi pasando e xeración e xeración. O nome vén de fanegas de trigo, porque se di que aquí había moito trigo.
Eu levo como presidente da mesma xa 12 anos e agora mesmo queda moi pouca xente no pobo, ningún neno, moita xente vella e ninguén que queira facerse cargo dela, aínda que somos 110 socios, é dicir, case todo o pobo. A maioría son de aquí, de Airexalba, outros son das parroquias limítrofes, como Laiosa, O Incio... e outras persoas viven fóra do municipio, pero teñen casas aquí ou veñen en verán.
Tamén temos colaboradores, como negocios e entidades, que son de concellos próximos, como de Bóveda e de Sarria.
Que actividades organizan?
Na nosa asociación organizamos cada ano as mesmas actividades: un Campionato de Tute cando comeza a primavera, sobre maio ou xuño promovemos unha excursión, que ás veces é conxunta, por exemplo, coa Asociación de Laiosa; logo en agosto é a Festa grande de Eirexalba os días 10 e 11, nos que facemos queimada popular e o Campionato de Billarda, que o levamos organizando 25 anos, e ademais, ese día organizamos tamén xogos tradicionais para os nenos. A última actividade que organizamos é o magosto, que o celebramos a principios de novembro.
Por outra parte, todos os anos elaboramos unha especie de revista informativa para todos os socios e veciños de Eirexalba onde contamos as actividades que fixemos durante o ano, explicándoas e poñendo moitas fotos.
Como é a acollida da Asociación polos veciños e veciñas?
Sempre tivemos moi boa acollida, nunca tivemos ningún problema e todo o mundo colabora con nós no que necesitamos, xa que é unha maneira de darlle vida a Eirexalba e incluso hai persoas que teñen ascendencia no pobo e só veñen como tradición á festa de agosto ou ao magosto que organizamos.
Os nosos socios, arredor de 110, pagan unha cota de 12 euros e con iso puidemos facernos coa escola de Eirexalba, cuxa planta baixa cedémola para facer unha Casa Niño na parroquia, e tamén contamos co pavillón, que o temos cedido, e alí organizamos moitas das nosas iniciativas.
Por que é importante este tipo de Asociacións para un Concello como o do Incio?
A verdade é que se non hai nada como isto, os veciños nin se xuntan, só se ven no magosto, e nalgunha data de reunión, que facemos por reunirnos todos os veciños. Como comentaba, á festa de agosto vén xente de fóra, xa que a xente ten casa, pero non vive aquí. Ademais, non hai nenos. As únicas rapazas que hai xa están facendo a ESO en Sarria. E na Casa Niño hai nenos do municipio, pero non son de Eirexalba.
Cando eu estudaba, iamos 9 en autobús de Eirexalba ao Incio e despois deixaron de haber nenos na parroquia, polo que dar vida a este lugar fai que, polo menos, se siga falando desta zona do Incio.
Teñen apoios institucionais?
Si, temos axudas do Concello do Incio, da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. Todo o que podemos solicitar en subvencións e axudas, facémolo.
A nosa intención para o futuro é facer obras para mellorar a Casa Niño e construír un parque infantil para que os pequenos da Casa Niño poidan desfrutar dunha zona lúdica, así a ver se algún pai se anima a quedar en Eirexalba.