O PP de Sarria insta ao Goberno local a buscar unha solución ao problema das taxas e os postos da feira
O Grupo Municipal do Partido Popular insta ao Goberno de Camiña Sarria a buscar unha solución á problemática dos postos da feira se realmente quere dinamizar a actividade en Sarria.
“Agardamos que deixe de poñer escusas e que, tal e como demandan os feirantes, leve a pleno a modificación da ordenanza substituíndo a referencia ‘por metro lineal’ por ‘metro cadrado’ que, de presentarse como punto independente, contará co noso apoio”, explica a voceira, Carmen José López.
Os populares critican que o alcalde, en lugar de intentar buscar a corrección no erro da ordenanza intentase empregar esta situación como escusa para meter “de tapadillo” unha subida exponencial das taxas para as pulperías.
“Se o alcalde quere solucionar a situación xerada en relación aos postos da feira teno realmente sinxelo, que leve ao pleno un punto independente con esta modificación puntual e concreta que consistiría, unicamente, en cambiar a redacción incluíndo a referencia ‘por metro lineal’ para substituír a actual referencia a ‘por metro cadrado’. É tan sinxelo como iso, todo o demais son escusas. Dende logo, se non o fai así o que demostrará é que o seu interese ao respecto é nulo”, apunta a portavoz.
A popular sinala como “cousa distinta se, en realidade, o que perseguía o alcalde era utilizar esta modificación específica como pretexto para levar unha ordenanza fiscal nova e obrigar á oposición a aprobar en bloque unha suba de taxas exponencial que afectaba especialmente aos restaurantes e pulperías do recinto feiral, o que podería poñer en perigo tamén a propia viabilidade dos mesmos, outra actividade, xunto coa dos postos, fundamental para a continuidade da propia feira e a atracción de clientes e visitantes a este recinto durante os días 6, 20 e 27 de cada mes”.
Piden revitalizar a feira
O Grupo Municipal do Partido Popular invita a que, ademais de poñer remedio a esta cuestión concreta, “o Goberno municipal se poña a traballar para buscar fórmulas que potencien este activo que acumula séculos de historia no noso municipio e que hai que intentar revitalizar”.
López subliña que “ademais de actuacións de mellora no recinto, a feira de Sarria ten moitas posibilidades de dinamización e promoción” e, por iso, dende o Grupo Municipal Popular propoñen ao goberno local a elaboración dun plan para o que amosan a súa colaboración.