A execución das obras na EDAR de Sarria están xa ao 60 %
José Antonio Quiroga, presidente da CHMS, e o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, visitaron as obras de mellora do saneamento e da EDAR de Sarria, actuacións executadas polo Estado e que supoñen un investimento de 3.322.478 euros.
O obxectivo da actuación é asegurar unha porcentaxe do 100 % de cumprimento das esixencias da Directiva 91/271/CEE, sobre tratamento das augas residuais urbanas. Para iso, a obra está cofinanciada no 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2014-2020 e 2021-2027, dentro do Programa Operativo Plurirregional de España (POPE), que financia as infraestruturas necesarias para cumprir os fitos establecidos na Directiva, contribuíndo á conservación do medio ambiente.
Ante a problemática detectada, en xullo de 2019 rubricouse un Convenio de colaboración entre o Concello de Sarria, como competente e responsable do saneamento, e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, O.A. como administración que se presta a dar apoio económico e técnico á administración local, co obxecto de mellorar o saneamento e depuración do municipio.
Así, deseñouse un proxecto de mellora dos colectores xerais e construción dunha estrutura de regulación que permita desbastar os caudais que deban ser aliviados, antes da súa vertedura ao medio, afastando o punto de vertedura do núcleo de poboación de Sarria; ademais, de pretratar o caudal que se derive á EDAR para o seu tratamento, mellorando así o funcionamento conxunto da infraestrutura.
Os traballos iniciáronse o 7 de setembro de 2022 coa construción do colector interceptor no río Sarria e dun novo colector xeral sobre a traza do actual do colector interceptor xeneral de entrada á EDAR e as obras estiveron suspendidas desde o 24 de maio de 2023 para a tramitación dun proxecto modificado consistente nunha actuación que desprace o punto de vertedura da EDAR augas abaixo da illa da Veiguiña, ata a confluencia dos ríos Sarria e Celeiro.
Estas actuacións puxéronse en marcha de novo coa construción do novo emisario da EDAR e alivio da mesma, de 200 metros de lonxitude, ademais da construción do pozo de bombeo, desbaste e arquetón de regulación, comezando pola execución dos muros pantalla do recinto, case finalizados na actualidade. Desta maneira, a actuación necesitou a realización dunha importante mellora do terreo de asento, cuxa humidade non permitía o acceso dos medios necesarios.
Nos próximos meses escavarase o citado recinto da obra de regulación, executarase a laxa de fondo do mesmo, instalaranse os equipos electromecánicos, executarase a superestrutura do pozo e, finalmente, levaranse a cabo as actuacións previstas na EDAR e construiranse as conexións finais ao novo bombeo, poñendo en servizo a parte restante da obra. Neste momento, a execución das obras supera o 60 %.
“O contexto de elevada incerteza dos últimos anos e os grandes retos sociais, económicos, ambientais e territoriais aos que foi necesario facer fronte, devolveron ao primeiro plano a importancia das políticas públicas. A Unión Europea está a xogar un papel fundamental de apoio político e financeiro aos Estados membros co respaldo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), como principal política de investimento da UE” explicou o presidente da CHMS.
“Estes traballos solucionarán a problemática de verteduras recorrentes ao río Sarria para evitar a súa deterioración ambiental e paisaxística ante unha masa de auga que cumpre cos obxectivos ambientais fixados na Directiva Marco da auga, pero que estaba sometida á presión dunha vertedura puntual do núcleo de Sarria” incidiu Quiroga.