As postais viaxeiras do Incio volven percorrer o mundo

SarriaXa
Non te quedes atras en canto á información. Ponte ao día e entérate de todas as noticias que afectan ao teu concello
postal viaxeira o incio
8 Xan 2021

O Concello do Incio, en colaboración con Correos, lanza de novo a súa postal viaxeira para promocionar o municipio polo mundo a través das redes sociais. De novo a fotografía elixida foi feita por Tariq Dajani, da Casa da Cabaza, e nela pódese ver o embalse de Vilasouto.

O Goberno local fixo entrega de 800 exemplares desta postal cos calendarios locais de 2021 que tamén está a repartir entre os veciños e veciñas. A idea é que envíen a postal, que leva o franqueo pagado, a familiares e amigos que vivan ou estean polo mundo e que estes lles manden a foto de volta dos lugares aos que chega. Outra opción é que a leven nas viaxes que fagan e que compartan os destinos a onde chegan a través das redes sociais.

“É unha maneira máis de seguir dando a coñecer O Incio e ver o lonxe que chega”, explica o alcalde, Héctor Corujo, "e de que as persoas que reciben a postal, por lonxe que se atopen, queiran vir a coñecernos ou saber de nós. Un reclamo máis do noso Concello”, indica.

Moi boa repercusión da iniciativa

O rexedor do Incio agradece tamén a participación que tivo a iniciativa ao longo do ano 2020 no que a postal viaxeira coa imaxe da igrexa de San Pedro Fiz chegou a diferentes destinos, moitos deles nacionais, e tamén a países como Francia, Italia, Polonia, Malta, Escocia, Reino Unido, Austria e incluso cruzou o charco e chegou ata Cuba. Todas as fotos foron compartidas nas redes sociais do Concello do Incio.

O Goberno municipal invita aos veciños e veciñas a compartir as fotos das súas postais, ben sexan deste ano ou do anterior, a través das redes sociais mencionando ao Concello, tanto no Facebook, como no Twitter ou no Instagram.

0.16509222984314