Triacastela, Sarria e Portomarín locen murais para homenaxear ás "estrelas" do Camiño
Os peregrinos que percorren o Camiño Francés atopan desde agora no seu traxecto a exposición artística máis extensa do mundo. A mostra 'As Estrelas do Camiño', producida por Estrella Galicia, recolle sete murais de grande formato, ao aire libre, nas últimas sete etapas do Camiño Francés, uns 140 quilómetros desde Triacastela ata Santiago.
O artista urbano galego Mon Devane retratou en cada un destes sete murais a unha persoa do lugar, como homenaxe a esas persoas que acollen e acompañan aos peregrinos durante o seu traxecto e que converten o percorrido nunha experiencia única. Trátase, segundo os promotores, de "xente aberta ao mundo que soubo adaptarse aos tempos pero que mantivo intacto o espírito do Camiño de Santiago".
'As Estrelas do Camiño' encádrase nas últimas etapas do Camiño Francés: Triacastela, Sarria, Portomarín, Melide, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela. Cada unha destas etapas conta cun mural propio e cun fito de pedra, onde os peregrinos poden ampliar a información de cada un dos protagonistas.
Os murais protagonízanos, nas etapas de Triacastela, Sarria e Portomarín, o lutier de Vilei Xermán Arias, que fabrica e arregla instrumentos no seu obradoiro de Sarria; Mario Mato, propietario da casa rural de Santa Mariña en Portomarín; e Xosé Luís Arqueixal, que dirixe unha granxa familiar dedicada ao agroecoturismo.
Xa fóra da provincia, están os murais dedicados ao apicultor Isidro Pardo, promotor do Museo Vivente do Mel; a Antón Pombo, investigador e xornalista especializado na ruta xacobea; a Maruja da Tahona, unha reposteira especialista en melindres típicos da zona; e a Laurie Denet, escritora canadiense que se namorou de Galicia nunha peregrinación e decidiu asentarse no Cebreiro, onde creou o primeiro 'xardín tranquilo' de España.