A AC Taekwondo de Sarria celebra o seu primeiro aniversario
A escola AC Taekwondo de Sarria cumpre un ano desde que se puxo en funcionamento o pasado mes de setembro da man do profesional do deporte Álex Losada, máis coñecido como Álex Camba.
O adestrador de taekwondo, que continúa vinculado ao seu club de Monforte, o Club Neka, botou andar este proxecto en Sarria hai un ano, tal como explicaba el mesmo, porque acaba de terminar a carreira de Ciencias en Actividade Física e Deporte e "sempre foi algo que tiven en mente; era cuestión de tempo que pasase e, ao final, tras meditalo un tempo, sucedeu".
Concretamente, púxose en marcha en Sarria "porque hai anos xa había cultura de taekwondo, que se perdeu cando pechou o anterior club, e paréceme un lugar moi bo para continuar con esa cultura do taekwondo e tentar explotala aínda máis e ofrecer unha variedade nova de deporte na zona".
Así, durante un ano de traballo, en xuño acabou a primeira tempada, na que o profesional, que acaba de ser recoñecido pola Federación Galega de Taekwondo como Mellor Deportista Masculino Absoluto na modalidade de Técnica, valorou o "gran traballo" do seu alumnado, co que está "moi contento".
De cara a esta nova tempada, Álex Losada retoma a actividade cos máis pequenos e cos maiores, cos que xa festexou este primeiro aniversario cunha tarta especial.