A AC Taekwondo de Sarria pecha o ano cunha destacada participación no Open Cidade de Ourense

A AC Taekwondo de Sarria participou esta fin de semana, os días 20 e 21 de decembro de 2025, no Open Cidade de Ourense, unha cita que serviu para pechar a tempada co último torneo rankeable do ano. O club desprazouse á capital ourensá cos equipos de combate e poomsae, completando unha competición moi positiva tanto a nivel de resultados como de evolución deportiva.
Na xornada do sábado, dedicada ao combate, o balance foi de tres medallas. Pablo Ferreira proclamouse campión e logrou o ouro na categoría infantil P4 tras gañar por KO técnico os dous asaltos da final. Izan Rigueiro acadou a medalla de prata na súa estrea na categoría precadete, mentres que Cleopatra Celeiro subiu ao podio cun bronce no seu debut na categoría júnior. Alba e Aaron González tamén competiron nesta xornada, aínda que non conseguiron superar as primeiras roldas.
O domingo foi a quenda da técnica, cunha primeira parte correspondente ao torneo rankeable, na que o club acadou a segunda posición por equipos no Open Deputación. Nesta xornada, Mateo Fernández conseguiu o ouro en categoría júnior, ao igual que a parella xuvenil formada por Samuel Maron e Carolina Bergantiños e o trío xuvenil integrado por Matías Gallent, Lucas Trebolle e Aaron González. Samuel Maron sumou tamén unha prata en individual xuvenil, mentres que o trío cadete feminino composto por Claudia Fernández, Arancha Riveiro e Inés Bergantiños acadou outra prata. Martín Varela foi segundo en individual benxamín e o trío benxamín de Mauro Gracia, Lucas Díaz e Martín López completou o palmarés de pratas.
Os bronces nesta xornada foron para Sergio Castro en individual benxamín, para a parella benxamín formada por Sergio Castro e Daniela Maside, para Carla Rodríguez en individual benxamín e para varios tríos, entre eles o integrado por Ginés Díaz, Dani Rivas e Mario Fernández, o formado por Cleopatra Celeiro, Uriel Gutiérrez e Carolina Bergantiños, e o composto por Alejandra Díaz, Clara Argiz e Olivia Gallent. Tamén lograron bronce Matías Gallent e Aaron González en individual xuvenil.
Na sesión da tarde, correspondente ao torneo Copa Deputación, a AC Taekwondo de Sarria acadou o segundo posto por equipos. Nesta competición lograron medalla de ouro Marta Calvan, Miguel Ángel López, Iria Gasamáns, Martín Varela, Aylen Pumarega, Ginés Díaz e Samuel Maron. As pratas foron para Cleopatra Celeiro, Alejandra Stanisoara, Iago Muñoz, Lucas Trebolle e Nicole Vilagines, mentres que os bronces recaeron en Naiara Muñoz, Sergio Castro, Cataleya Celeiro, Aaron González, Claudia Fernández e Daniel Rivas.
Desde o club destacaron a evolución favorable do equipo, cun grupo de deportistas que se vai asentando progresivamente e avanzando no seu proceso de formación de cara ao futuro. O balance xeral deixa varios pases a finais e outros participantes que quedaron ás portas do podio, confirmando a boa dinámica coa que a AC Taekwondo de Sarria pecha a tempada.