A AC Taekwondo participa no Campionato Galego absoluto de poomsae con cinco ouros e unha prata

SarriaXa | RibeiraSacraXa
O club destacou en Monforte de Lemos tanto en modalidades individuais como en parellas e tríos, cun recoñecemento especial para o seu adestrador
AC-Taekwondo-Sarria-en-Monforte
26 Jan 2026

A AC Taekwondo participou no Campionato Galego absoluto de poomsae e freestyle, celebrado en Monforte de Lemos, cunha actuación moi destacada que se saldou cun total de cinco medallas de ouro e unha de prata. A competición reuniu a deportistas de toda Galicia e serviu para confirmar o bo momento deportivo do club nesta disciplina.

Entre os resultados máis salientables figura o ouro acadado por Mateo Fernández en categoría júnior masculina, completando así unha tempada perfecta en Galicia con pleno de vitorias. Tamén subiu ao máis alto do podio Brais Lombardero na modalidade de parella cadete xunto a Emma, do club Taekwondo Couto, nunha estrea nesta categoría que se saldou con éxito. Lombardero logrou ademais outro ouro formando equipo con Hugo Sánchez, recente incorporación á AC Taekwondo procedente do club Taekwondo Do Ho, e con Julien, do club Hans Horang.

No plano individual, Hugo Sánchez acadou a medalla de prata en categoría cadete masculina, nunha dobre estrea, tanto co club como nos campionatos galegos. Pola súa banda, o adestrador da AC Taekwondo, Alex, sumou dous ouros máis na categoría sénior 1, tanto en individual como en trío masculino, xunto aos seus compañeiros do club Neka, Marco García e Carlos, integrantes tamén do Team U30 España.

Ademais dos resultados deportivos, Alex foi recoñecido co trofeo ao mellor deportista masculino do torneo, un galardón que compartiu con Laura Álvarez, do club Neka, sendo ambos distinguidos como mellores deportistas da competición.

⚙ Configurar cookies
0.07584810256958