A AC Taekwondo Sarria arranca o 2025 con éxito no Campionato Galego Absoluto

A AC Taekwondo Sarria comezou o ano cunha destacada participación no Campionato Galego Absoluto de Taekwondo, celebrado en Monforte de Lemos baixo a organización do club Neka.
O club sarriao quixo agradecer o apoio incondicional dos seus membros, dende os máis pequenos ata os adultos, que non dubidaron en achegarse a Monforte para animar aos seus competidores.
O campionato contou coa participación de dous representantes do club, Mateo Fernández e Álex Losada. Mateo realizou unha gran actuación, pasando en primeiro lugar á final tras un excelente desempeño nas roldas previas. Porén, un erro nun dos poomsaes da final penalizouno, relegándoo ao terceiro posto do podio. A pesar deste resultado, o club destaca a evolución e o esforzo de Mateo: "A súa progresión está a ser moi boa, non podemos pedir máis do noso competidor".
Pola súa banda, Álex, adestrador do club, brillou na súa participación, acadando dúas medallas de ouro: unha na categoría individual sénior 1 e outra na modalidade de trío xunto con Carlos e Marco, compañeiros do club Neka.
Este campionato non só resalta o nivel técnico dos competidores da AC Taekwondo Sarria, senón tamén o espírito de equipo e o apoio mutuo que caracteriza a esta familia deportiva.