A AC Taekwondo Sarria consegue tres medallas no Campionato de España

LugoXa | SarriaXa
Mateo Fernández logrou un histórico ouro na súa categoría, sendo o primeiro alumno da escola en conseguir esta distinción nun Campionato de España
Alex-Losada-y-Mateo-Fernández-AC-Taekwondo-Sarria
24 Feb 2025

Este fin de semana, a AC Taekwondo Sarria participou no Campionato de España de Taekwondo 2025, celebrado en San Vicente del Raspeig, Alacante, cunha destacada actuación.

O club estivo representado por dous membros: Mateo Fernández, que competiu na categoría trío Junior masculino, e o seu adestrador, Álex Losada, que participou en individual senior 1 e trío 1 masculino. O resultado foi máis que satisfactorio, con un total de tres medallas: dous ouros e unha prata.

Mateo Fernández logrou un histórico ouro na súa categoría, sendo o primeiro alumno da escola en conseguir esta distinción nun Campionato de España. Xunto aos seus compañeiros da selección galega, Aitor e Hugo, do Neka de Monforte e Taekwondo Sada respectivamente, Mateo logrou un resultado espectacular.

"Os días previos á competición, durante os adestramentos, xa se prevía un bo resultado e, efectivamente, dende a primeira rolda demostraron ser moi superiores aos seus rivais en todos os aspectos da competición. Este triunfo non só lles outorga a medalla de ouro, senón que lles abre a porta ao Campionato de Europa de Taekwondo, que se celebrará en Tallin, Estonia, no próximo mes de abril, coa selección española. Estamos extremadamente orgullosos deste logro", destacaron desde o club.

A pesar da curta traxectoria da escola, tanto Sarria como Portomarín, terra natal de Mateo, estarán representadas no Campionato de Europa, un feito que enche de orgullo a todos os membros do club.

Pola súa parte, o adestrador, Álex, non só acadou o ouro na categoría trío 1 masculino, xunto aos seus compañeiros Marco e Carlos, do Neka, senón que tamén revalidou esta medalla por quinto ano consecutivo. O equipo espera a confirmación oficial para saber se representarán a España no Campionato de Europa.

A nivel individual, Álex obtivo a medalla de prata na categoría senior 1, despois de dous anos consecutivos como campión nacional. Aínda que o seu rival foi superior nesta ocasión, o club felicítano polo seu esforzo e deséxalle toda a sorte no próximo europeo.

Con estes excelentes resultados, a AC Taekwondo Sarria sente máis motivada ca nunca para seguir traballando e medrando no futuro.

⚙ Configurar cookies
0.15717196464539