A AC Taekwondo Sarria inicia a tempada 2025-2026 con actividades para todas as idades

A AC Taekwondo Sarria arrinca a súa terceira tempada a partir do 1 de setembro cun programa completo de actividades para todas as idades.
A escola ofrece clases de taekwondo desde os 3 anos, consolidándose como un espazo de formación que non só ensina técnica deportiva, senón que tamén educa en valores como o esforzo, o sacrificio, o compañeirismo, a concentración e o respecto polas normas. Ademais, proporciona a actividade física necesaria para o desenvolvemento dos nenos, traballando a flexibilidade, a coordinación, o hábito do deporte e o goce a través da competición.
Os horarios do novo curso distribúense de luns a venres, adaptados aos diferentes grupos de idade e modalidades. Para os máis pequenos, a psicomotricidade destinada a nenos de 3 e 4 anos impartirase os luns e mércores de 16:15 a 17:00.
Os grupos TKD Kids, dirixidos a idades de 5 a 7 anos, terán as súas sesións repartidas en dúas quendas: o grupo 1 adestrará luns e mércores de 17:00 a 18:00, mentres que o grupo 2 o fará martes e xoves no mesmo horario.
Na categoría infantil, de 8 a 11 anos, tamén haberá dous grupos: o primeiro adestrará luns e mércores de 18:00 a 19:00, e o segundo martes e xoves de 18:00 a 19:00. Para os adolescentes de 12 a 17 anos, o grupo júnior contará con clases os luns e mércores de 19:00 a 20:30, e os adultos maiores de 18 anos dispoñerán de horarios os luns e mércores de 20:45 a 22:00 e os xoves de 21:00 a 22:00.
A disciplina de Poomsae, centrada no traballo técnico do taekwondo, contará con clases específicas. O grupo infantil, para idades de 5 a 8 anos, adestrará os xoves de 16:00 a 17:00. Para os maiores de 8 anos que participen en modalidade de competición, os horarios serán xoves de 18:30 a 20:00 e venres de 17:15 a 18:30. Ademais, haberá adestramentos especiais de Poomsae dirixidos a cintos negros, os venres de 18:00 a 19:30.
O apartado de combate tamén terá un lugar destacado na programación. Os grupos de competición, a partir de 8 anos, contarán con clases os venres de 16:00 a 17:15 e os xoves de 19:30 a 21:00.
Por último, a AC Taekwondo Sarria mantén o seu compromiso de achegar o taekwondo aos colexios, con adestramentos escolares previstos os martes de 15:30 a 16:45.
AS PREVISIÓNS
Segundo explicou Alex Losada, promotor da AC Taekwondo Sarria e adestrador na escola, as previsións para a nova tempada son boas. “Imos desdobrar grupos, xa que medramos en número de licenzas e mantivemos as que tiñamos. Polo tanto, estamos moi contentos este ano e a expectativa é chegar aos 150 alumnos e alumnas. Tamén temos como obxectivo que moitas persoas alcancen o cinto negro, así como que os competidores máis novatos, os que están empezando e iniciándose no taekwondo, fagan unha saída internacional en outubro a Lisboa para iniciarse en competición, que está xenial, sobre todo para os que comezan”, explicou.
Na parte máis competitiva destacan Brais Lombardero e Mateo Fernández, que actualmente son primeiros en Galicia, e o obxectivo sería que conseguiran proclamarse campións de España a nivel individual, despois de selo xa a nivel de equipos. “E, se fose posible, o obxectivo final sería que se clasificaran para ir a Corea en setembro de 2026”, engadiu Losada.