A AC Taekwondo Sarria inicia a tempada internacional en Croacia con bos resultados

A AC Taekwondo Sarria abriu esta fin de semana a súa tempada internacional participando no Open de Croacia 2025, celebrado na cidade de Zagreb. O club desprazouse cun pequeno equipo que deixou unha boa impresión e regresou con aprendizaxes e unha medalla de prata.
O deportista Mateo Fernández competiu na categoría júnior, logrando vencer na primeira rolda ao representante de Alemaña antes de caer fronte a Gran Bretaña, quen acabaría proclamándose subcampión do torneo. A pesar de non subir ao podio, desde o club valoran a súa actuación como moi positiva, destacando o alto nivel da categoría e as boas sensacións de cara ás próximas competicións.
Pola súa banda, o adestrador Álex competiu na categoría sénior 1 masculina, superando en primeira rolda a República Checa e sendo eliminado posteriormente por Hong Kong. Ademais, Álex participou na modalidade de parellas xunto a Laura Álvarez, do Club Neka, conseguindo unha destacada medalla de prata. O dúo superou a Alemaña, Dinamarca e Holanda antes de caer na final fronte a Malaisia.
Desde o club subliñan o mérito deste resultado, tendo en conta o escaso tempo de adestramento conxunto antes da cita. “Laura e Álex entenderon moi ben no tapiz e iso permitiulles acadar o podio”, sinalaron desde a AC Taekwondo Sarria, que xa pensa nas próximas competicións internacionais da tempada.