A AC Taekwondo Sarria logra cinco medallas na I Copa de España Kukkiwon en Poio

A AC Taekwondo Sarria desprazouse ata Poio para competir na I Copa de España Kukkiwon, o primeiro torneo rankeable celebrado en Galicia nesta tempada, cun destacado resultado que se traduce en cinco medallas, tres de ouro e dúas de prata.
O primeiro triunfo chegou da man de Brais, que acadou a medalla de ouro na categoría de trío cadete masculino xunto aos seus compañeiros do Han de Betanzos e do club Hebe de Moaña. Ademais, o sarrián sumou unha medalla de prata no cadete masculino individual.
Tamén subiu ao máis alto do podio Mateo Fernández, quen se proclamou campión en júnior masculino individual tras superar con solvencia todas as roldas e impoñerse nunha final moi igualada.
O palmarés completouse co adestrador Álex, que conseguiu a medalla de ouro no trío masculino acompañado de Marco e Carlos, do club Neka. Álex sumou ademais unha prata en sénior 1 masculino.
Dende o club salientaron que o torneo serviu para avaliar o nivel actual, con boas sensacións e resultados, pero tamén con aspectos a mellorar de cara ás seguintes citas. A próxima parada será o Open de Moaña, previsto para a vindeira fin de semana, onde se desprazará o equipo de competición de combate e poomsae.