A AC Taekwondo Sarria logra o primeiro posto no Open Rankeable de Sada

A AC Taekwondo Sarria asinou unha destacada actuación no Torneo Rankeable Open de Sada, celebrado esta fin de semana, ao conseguir o primeiro posto por equipos na modalidade de Poomsae e a segunda posición na clasificación xeral do campionato.
A expedición do club desprazouse ata Sada para participar nunha nova proba do circuíto rankeable, onde os seus deportistas lograron un total de cinco medallas de ouro, tres de prata e dúas de bronce, ademais de varios finalistas que quedaron moi preto do podio.
Entre os resultados máis salientables figura a actuación de Martín Varela, que se proclamou campión na categoría benxamín e tamén conseguiu o ouro na proba de parellas benxamín xunto a Carla Rodríguez. Tamén subiron ao máis alto do podio Mateo Pontón, Pablo Ferreira e Izan Rigueiro na modalidade de trío alevín.
Na categoría cadete destacou Brais Lombardero, que logrou a medalla de ouro na competición individual e tamén o primeiro posto en parella xunto a Claudia Fernández.
As medallas de prata chegaron da man de Sergio Castro en individual benxamín, así como dos tríos formados por Martín López, Mauro García e Lucas Díaz en benxamín e por Hugo Sánchez, Ginés Díaz e Daniel Rivas en infantil.
Pola súa banda, Christopher Marcano e Cloe Gómez obtiveron a medalla de bronce na proba de parella benxamín, mentres que Alba González, Clara Argiz e Alejandra Díaz conseguiron o terceiro posto no trío infantil feminino.
Ademais, Aylén Pumarega, Mauro García e Hugo Sánchez acadaron a condición de finalistas, quedando moi preto de subir ao podio.
Grazas a estes resultados, a AC Taekwondo Sarria conseguiu proclamarse campioa do torneo de Poomsae por equipos e rematar na segunda posición da clasificación xeral, que suma os puntos das modalidades de Poomsae e Freestyle, a pesar de que o club non participou nesta última.
Desde a entidade destacan a evolución do equipo e o traballo realizado polos seus deportistas, que continúan mellorando competición tras competición. O club subliña ademais que se trata da primeira vez que gaña un torneo destas características, un logro especialmente significativo tendo en conta que a entidade conta con menos de tres anos de historia.
Tras esta cita, o equipo xa prepara a súa próxima participación nunha nova competición que terá lugar a vindeira semana en Moaña.