A AC Taekwondo sobresae no Campionato de España por Clubes con catro medallas e dous billetes ao Mundial

A AC Taekwondo de Sarria asinou unha actuación excepcional no Campionato de España por Clubs, cun total de catro medallas e dous billetes definitivos para o Mundial de Corea do Sur. Mateo Fernández, Brais Lombardero e o profesor Alex protagonizaron unha fin de semana histórica para a entidade.
Mateo Fernández proclamouse campión de España na categoría trío júnior xunto aos seus compañeiros Alberto Castro e Guillem Bonilla, un ouro que practicamente lle asegura a súa presenza no Mundial. Ademais, o sarriano logrou unha meritoria segunda posición en individual júnior nunha categoría con 30 participantes. Tras liderar a competición durante toda a rolda, caeu na final por apenas unhas décimas, quedando subcampión. Desde o club salientan o seu enorme traballo e a evolución que está a demostrar.
Tamén Brais Lombardero brillou ao conseguir o ouro en trío cadete masculino, unha medalla que lle garante de maneira definitiva a clasificación para Corea do Sur xunto aos seus compañeiros Julián e Hugo. Na categoría individual cadete non puido mostrar o seu mellor nivel, condicionado polos nervios, pero o club destaca que experiencias como esta son clave para seguir medrando deportivamente.
O triplete completouno o adestrador Alex, que logrou un espectacular dobre ouro. Impúxose na categoría individual sénior 1 nunha proba con máis de 30 deportistas e tamén alcanzou o primeiro posto na modalidade de trío xunto a Marcó e Carlos, conseguindo así o pase directo ao Mundial.
Con catro medallas, tres competidores e dous billetes asegurados para Corea do Sur, desde a AC Taekwondo amosan a súa satisfacción polos resultados e pola progresión dos seus deportistas, así como polo orgullo de levar o nome do club e de Sarria aos postos máis altos do podio estatal.