A ACES presenta a campaña de Nadal co concurso de escaparates e o sorteo do Lotón

O presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sarria, Ricardo Arias, presentou a campaña de Nadal co obxectivo de animar á veciñanza a mercar no comercio local, apoiar ao pequeno negocio e desfrutar destas datas nun ambiente favorable ao consumo de proximidade. A campaña está cofinanciada pola Xunta de Galicia e inclúe diferentes accións promocionais pensadas para dinamizar a actividade comercial durante as festas.
Entre as iniciativas destacadas atópase a posta en marcha do VIII Concurso de Escaparates de Nadal, no que se valorarán especialmente a creatividade, o detalle e o agarimo co que os establecementos decoren os seus espazos, co propósito de realzar a importancia do comercio local nestas datas sinaladas.
Un dos piares principais da campaña é tamén o arranque do Lotón, unha promoción na que cada compra realizada nos establecementos asociados conta como participación nun sorteo especial.
Ata o 31 de decembro, cada tícket de compra poderá converterse nunha oportunidade para optar a un vale por importe de 1.000 euros, que a persoa gañadora poderá trocar por produtos ou servizos en calquera dos establecementos asociados a ACES-CCU Sarria.
Nela participarán todos os establecementos asociados a ACES que teñan as cotas ao día. Cada comercio contará cun cartel identificativo da campaña e disporá das bases á vista da clientela. Por cada venda realizada, os establecementos recollerán os datos das persoas maiores de idade participantes nas correspondentes papeletas, que quedarán custodiadas nos propios locais ata a súa recollida.
O sorteo celebrarase o 2 de xaneiro de 2026 ás 12.00 horas no Bulevar da rúa Liberdade, nun acto público ao que poderá asistir quen o desexe. Nese momento extraerase unha papeleta premiada e dúas de reserva entre todas as recollidas durante a campaña.