A ACES promove unha nova campaña para fomentar o comercio local con motivo do Día do Pai
A Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais e Autónomos de Sarria (ACES)- CCU comeza unha campaña desde hoxe e ata o 19 de marzo con motivo do Día do Pai baixo o lema de 'Fai sorrir a papá'.
"Este ano o día do pai o queremos celebrar dun xeito especial, os pais serán os protagonistas", explicaron desde a ACES.
Así, as compras nos establecementos adheridos á asociación darán a oportunidade de premiar un pai cun regalo especial e diferente durante a vixencia da campaña, na que os clientes depositarán os seus tíckets de compra nas furnas habilitadas nos establecementos, cubrindo os datos dun home que sexa pai.
O xoves, día 23 de marzo, procederase ao sorteo e coñeceremos o papá premiado, que gozará dunha sesión fotográfica en familia nun estudio fotográfico profesional e que se levará de recordó un álbum con varias fotos da sesión.
"Mercar para o pai no comercio asociado ten premio", sosteñen desde a asociación, que en colaboración coa Xunta organizan esta actividade para promover o comercio local en Sarria.
Esta é a terceira campaña do Centro Comercial Urbano de Sarria neste ano, na que se procura dar valor ao comercio local da vila, dinamizando un comercio de calidade- proximidade-atención.