A alcaldable do PP nas eleccións de Sarria, Carmen López, foi presentada no municipio

SarriaXa
A alcaldable do PP nas eleccións de Sarria, Carmen López, foi presentada no municipio arroupada por compañeiros de partido
PP Sarria presentacion
6 Mar 2023

A candidata ás eleccións de maio en Sarria polo Partido Popular, Carmen José López, foi presentada en Sarria e acompañada por distintos cargos orgánicos da formación popular.

"Traballaremos por cada voto, por recuperar a confianza de aqueles que nola deron no seu momento e gañarémola de moitos que aínda non nos apoiaron, pero que o farán", dixo López.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; a presidenta provincial, Elena Candia; o responsable de Facenda do Goberno galego, Miguel Corgos; ou o presidente local do PP, Fernando Carlos Rodríguez, entre outros, arrouparon á candidata, visiblemente emocionada e contenta, que agradeceu o apoio político pero tamén o de moitos veciños sarriaos.

Carmen López argumentou que estivo "a maior parte da miña vida tentando cambiar cousas desde movementos asociativos, traballando desde a sociedade civil para que Galicia e o seu interior sexa un territorio máis emprendedor, máis igualitario, mellor conectado e con máis oportunidades pero creo que chegou o momento de implicarme máis na política porque Sarria non pode seguir así", manifestou.

"Estamos no momento de escoitar a todo aquel que queira achegar para confeccionar un proxecto común para Sarria, quedan por diante moitas reunións con colectivos e veciños para que o día que arrinque a campaña electoral iniciémola co mellor programa posible, cun programa de todos e para todos", avanzou.

Por último, con respecto a Sarria, dixo: "Necesitamos que Sarria recupere o tempo perdido, que Sarria volva ser unha vila emprendedora, unha vila con industria, que poña en valor o seu rural e a súa cultura. Sarria merece saír da conflitividade política, dos insultos e dos egos. Sarria merece que volvamos falar de construír, de crecer, que volvamos ilusionarnos. Sarria merece máis, moito máis”; de aí que Carmen José López asuma este reto “non para a política, asúmoo para traballar por Sarria utilizando a política como instrumento para facelo".

0.16050815582275