A alcaldesa de Samos, Chus López, recibiu aos participantes do proxecto 'Girasoles en el camino'

SarriaXa
Un grupo de persoas chegadas de distintos puntos de España participan na visibilización da esclerodermia da man da Asociación Española de Esclerodermia
Esclerodermia-Camiño-Samos
23 Jun 2025

A Asociación Española de Esclerodermia (AEE) foi recibida en Samos pola alcaldesa, Chus López, ao remate da segunda xornada da súa ruta 'Girasoles en el Camino', unha iniciativa que busca dar visibilidade á esclerodermia a través da peregrinación compartida.

A chegada ao municipio tivo lugar no contorno do histórico Mosteiro de Samos, onde a alcaldesa amosou o seu apoio ás persoas participantes e ao reto que están a afrontar con forza e esperanza.

Esta marcha solidaria comezou o xoves 19 de xuño en Sarria, onde o alcalde tamén recibiu ás persoas chegadas de distintos puntos de España para sumarse a esta causa común.

Desde ese momento, cada etapa do camiño céntrase nun síntoma concreto da enfermidade, promovendo a actividade física adaptada, o apoio entre iguais e a transmisión dunha mensaxe positiva.

Alfonso Sánchez, presidente da AEE, salientou a importancia simbólica de iniciar o Camiño de Santiago desde Sarria, un lugar emblemático que representa non só un punto de partida físico, senón tamén emocional: “É un paso adiante cara á visibilidade, a unión e a esperanza”, afirmou.

Sánchez tamén agradeceu a colaboración e a acollida cálida do Concello de Sarria e agora tamén a do de Samos, nun percorrido que segue sumando apoios e recoñecemento.

⚙ Configurar cookies
0.14871621131897