A alcaldesa de Samos visita o rural zamorano para coñecer experiencias de comunidades enerxéticas

A alcaldesa de Samos, Chus López, participou nunha visita de traballo ao rural zamorano co obxectivo de coñecer de primeira man o funcionamento das comunidades enerxéticas que xa están en marcha na zona, así como outras iniciativas de desenvolvemento local que poderían servir de inspiración para o municipio.
O encontro tivo lugar en diversos puntos da provincia de Zamora, comezando cunha presentación no Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio.
Alí, as persoas asistentes puideron coñecer os proxectos de comunidades enerxéticas que se están a desenvolver en Almaraz de Duero e Villaseco del Pan, exemplos prácticos de como a colaboración veciñal pode xerar beneficios enerxéticos e económicos para o territorio.
A visita continuou en Fermoselle, onde se realizaron percorridos polas instalacións dun proxecto de autoprodución eléctrica que se integra nun modelo de turismo sostible, incluíndo tamén unha visita ás adegas históricas de Fermoselle Villa del Vino.
Segundo destacou a rexedora de Samos, esta experiencia permitirá recoller boas prácticas e ideas que poderían ser adaptadas e aplicadas no municipio para avanzar cara a unha transición enerxética máis xusta, participativa e respectuosa co medio.