A ampliación da ponte de Valdriz retomarase "en breve"
O alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, confirmou que as obras da ponte de Valdriz, na Pobra de San Xiao, retomaranse "en breve", segundo lle aseguraron representantes da Xunta de Galicia e a empresa adxudicataria dos traballos.
O rexedor solicitara esta mesma semana unha reunión urxente coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para solicitar que se retomaran de xeito inmediato as actuacións na ponte. Se a reunión non se chegaba a celebrar, ou non se retomaban os traballos, aseguraba que convocaría un pleno extraordinario.
Darío Piñeiro confía en que agora si se reanuden as obras no conflitivo viaducto. De non acontecer, di, esixirá que se tomen medidas para garantir a seguridade de vehículos e peóns nesta infraestrutura, que está "moi mal sinalizada".
Os traballos de ampliación da ponte de Valdriz inclúense no proxecto de creación dun sendeiro peonil e ciclista que leva a cabo a Xunta e que conta cun investimento de preto de 610.000 euros. A actuación prevé completarse coa construción tamén dunha rotonda.