A andaina polo Camiño Vello de Aldosende, en Paradela, adiada para este domingo
Por mor das condicións meteorolóxicas, o encontro coa natureza que percorrerá o Camiño Vello de Aldosende e estaba previsto para o sábado 29 de outubro, tivo que ser adiado para este domingo 6 de novembro.
A andaina enmárcase dentro da programación do bicentenario de Paradela e está organizada polo Concello de Paradela en colaboración coa colaboración do grupo Acivro.
O itinerario do Camiño Vello de Aldosende, no Concello de Paradela, é o que percorrerán tódolos interesados, dende o Miradoiro de Cabodevila (preto do Río Loio) ata Aldosende. Este é un camiño xa coñecido polos membros vinculados ó mundo do sendeirismo e ó turismo de montaña, que especialmente nas fins de semana recibe a numerosos camiñantes de toda Galicia. Para o percorrido calcúlase unha duración aproximada de 3 horas e 30 minutos.
A ruta iniciarase ás 10.00 horas dende o Miradoiro de Cabodevila, para rematar a andaina arredor das 13.30 horas. Á chegada a Aldosende, o Concello de Paradela ofrecerá un refrixerio aos camiñantes.
O grupo Acivro
Acivro é un club excursionista presidido por Alejandro González Arias e creado no ano 2006, formado por membros que gustan da natureza e que camiñando por ela, fomentan o respecto pola biodiversidade e gozan de ambientes e itinerarios incribles.