A ANPA do CEIP de Samos volve organizar este ano o seu Campamento de Verán

A ANPA do CEIP de Samos volve organizar este ano o seu Campamento de Verán, unha proposta educativa e lúdica dirixida á cativada durante os meses de xullo e agosto.
A actividade desenvolverase en horario de 9:00 a 15:00 horas nas instalacións do colexio, con programacións que inclúen actividades deportivas, xogos de normas e convivencia, música e dinámicas lúdicas, talleres creativos, manualidades e experiencias de contacto coa natureza e co contorno.
A resposta das familias foi tan positiva que as prazas xa están case esgotadas. Neste momento, só quedan catro prazas dispoñibles para a última quincena de agosto. A adxudicación das prazas seguiu unha orde de prioridade clara: primeiro accedeu o alumnado do propio colexio, logo os nenos e nenas do Concello de Samos que xa participaron noutras edicións, despois os que se inscriben por primeira vez, e por último, nenos doutros concellos que tamén participaron noutras edicións, seguindo neste caso a orde de recepción das solicitudes vía correo electrónico.
O Campamento, que conta coa colaboración do Concello de Samos, da Xunta de Galicia, do Ministerio de Igualdade e do programa Corresponsables, está promovido pola ANPA do CEIP de Samos e xestionado pola empresa Vitae. Para máis información ou reservas, as familias poden contactar a través do correo electrónico ampaceipsamos@gmail.com ou chamando ao teléfono 600 078 488.