A ANPA do CEIP Frei Luis de Granada organiza unha excursión á Mariña Lucense

SarriaXa
O obxectivo é que o prezo da excursión sexa o máis asequible posible para todas as familias, permitindo que todos poidan gozar desta experiencia única e enriquecedora
ANPA-CEIP-Frei-Luis-de-Granada-Sarria
17 Mar 2025

A ANPA do Colexio Frei Luis de Granada organiza para o 15 de xuño unha excursión á Mariña Lucense, unha xornada que combinará cultura e diversión para que as familias do centro coñezan esta zona da provincia.

A mañá comezará cunha visita ao Museo do Mar, antiga escola indiana que se converteu en museo grazas á dedicación e paixón coleccionista dun dos seus profesores. Durante a visita, as familias adentraranse na historia baleeira da zona e descubrirán a súa economía pesqueira. A xornada tamén incluirá a visita a un astilleiro local, onde poderán coñecer de preto o traballo dun dos carpinteiros de ribeira máis recoñecidos de Galicia.

A continuación, realizarase un percorrido polo pobo de San Cibrao, onde as familias participarán nun xogo de pistas para coñecer mellor este pintoresco lugar. Despois de todo isto, a diversión continuará cunha xincana na area.

Para reponer forzas, farase unha parada para comer, e na tarde desprazaranse ao Laberinto de Rinlo, onde as familias gozarán de diferentes actividades, como minigolf e tiro con arco, dentro do recinto.

A ANPA está a xestionar o desprazamento en autobús, intentando sufragar o custo do transporte a través dunha axuda cultural solicitada á Deputación. Se a axuda fose concedida, o prezo da excursión podería axustarse, e as familias terían a oportunidade de comer nun restaurante da zona cun custo reducido. Ademais, a ANPA, grazas aos premios obtidos no Entroido, tamén sufragará unha parte do custo total da actividade.

O obxectivo é que o prezo da excursión sexa o máis asequible posible para todas as familias, permitindo que todos poidan gozar desta experiencia única e enriquecedora.

⚙ Configurar cookies
0.62623119354248