A ANPA do CEIP Frei Luis de Granada presenta unha comparsa "máxica" para o Entroido

SarriaXa
Grandes autores como Rosalía de Castro, Manuel María, Álvaro Cunqueiro ou Eduardo Pondal serviron de referencia para este proxecto
Entroido-Sarria-2024
27 Feb 2025

A directiva da ANPA do CEIP Frei Luis de Granada de Sarria vén de dar a coñecer o proxecto que está a desenvolver para o Entroido deste ano, unha iniciativa que vai máis alá dun disfrace.

O proxecto de Entroido, que inclúe disfraces, carroza e organización, foi ideado e xestionado integramente pola ANPA, que se conformou en xaneiro deste ano debido a dificultades organizativas previas.

O CEIP Frei Luis de Granada, cun total duns 480 alumnos e a ANPA logrou implicar a case 250 participantes nesta proposta tan especial.

Coa vontade de asegurar a inclusión de todas as familias, a directiva da ANPA procurou que o custo do disfrace fose o máis reducido posible, permitindo a participación de todo aquel que desexase sumarse á iniciativa.

Ademais, nesta festividade popular primará a orixinalidade e valorarase o esforzo das familias na elaboración das vestimentas; así como o uso de materiais reciclados para a confección dos elementos da comparsa subliña a importancia da sostibilidade e da creatividade na realización deste proxecto.

A COMPARSA DA ANPA DO CEIP FREI LUIS DE GRANADA

Sen desvelar todos os detalles da proposta, a comparsa deste ano ten unha temática "máxica", inspirada na literatura galega e nos bosques da nosa terra.

Grandes autores como Rosalía de Castro, Manuel María, Álvaro Cunqueiro ou Eduardo Pondal serviron de referencia para este proxecto, que busca poñer en valor a riqueza cultural e natural de Galicia.

Ademais, este evento servirá como adianto da proposta que a ANPA está preparando para o Día das Letras Galegas, dedicado este ano ás cantareiras.

Como novidade, a comparsa contará con música en directo, aproveitando a aprendizaxe dos nenos que participan nos 'Venres de Foliada' no centro escolar. As paradas durante o desfile estarán animadas con sons tradicionais galegos de gaita e pandeireta, achegando a nosa música popular á festa e reforzando a identidade cultural galega.

Este evento, totalmente xestionado pola ANPA, implicou a procura de instalacións, vehículos, disfraces e carrozas cun orzamento axustado para que todas as familias puidesen participar.

⚙ Configurar cookies
0.5565140247345