A Anpa do Ceip Samos buscará a forma de poder organizar o campamento de verán para os nenos
Desde a Anpa do Ceip Samos critican a innación do actual alcalde en funcións, Julio Gallego, por non pedir a subvención á Secretaría Xeral de Igualdade para poder acadar os fondos necesarios para celebrar o primeiro campamento de verán que ía ter lugar en Samos.
Así, desde a Anpa din que "o actual rexedor de Samos deixa sen campamento de verán a máis de 20 nenos e nenas e, por tanto, que parte das nenas e nenos de Samos queden sen actividades de lecer este verán".
Din que o actual rexedor en funcións, Julio Gallego, deixou pasar as súas obrigas de xestión, xa que o prazo para pedir a subvención vencía o 8 de xuño e, no caso de haber novo goberno, xa non poderán pedila.
"A súa falta de rigor e seriedade é un chanzo no camiño ás familias, xa que contaban con esta actividade para poder establecer unha maior conciliación familiar e laboral durante a temporada estival, ao que tamén, supón unha perda formativa e de experiencias para as nenas e nenos", explican desde a Anpa.
Ademais, esixen que dea explicacións, "xa que hai 20 días estaba disposto a solicitar dita axuda, tendo todo o papeleo necesario para a solicitude e, unha vez pasadas as eleccións, negouse por completo a solicitala", denuncian. Porén, desde a Anpa sosteñen que buscarán facer o campamento con outras axudas.