A Anpa do Frei Luís de Granada celebra os avances na desafectación das casas dos mestres
Cando consigan que se derruben os edificios ocupados, queren construír un parque infantil cuberto adaptado ás necesidades educativas
A Anpa do colexio Frei Luís de Granada de Sarria, que levan meses manifestando o seu malestar con respecto do estado das casas dos mestres abandonadas que ocupan a parcela da escola, xa ven a luz ao final do túnel despois de manter reunións con diferentes institucións.
O colectivo, que pide a desafectación destes inmobles, que levan desde os anos 2000 abandonados e ocupados por persoas que deixan xeringas e suciedade ao lado dun centro educativo público, sosteñen que mantiveron encontros coa Deputación de Lugo e coa Xunta de Galicia nos que ambos gobernos trasladaron o seu compromiso con esta problemática.
Desde a Anpa argumentan que teñen recompilada e rexistrada toda a documentación necesaria para que o proceso se poña en marcha despois dunha reunión que mantiveron tamén co alcalde de Sarria.
Pola súa parte, desde a Xefatura territorial explicáronlles que no momento no que o Concello de Sarria mande esa documentación, realizarán os informes necesarios para levar a cabo a desafectación, xa que o edificio é do Concello, aínda que o uso sexa da Xunta.
Un parque cuberto na zona das casas dos mestres
Feita a desafectación e o consecuente derrube destes edificios, a Anpa ten a idea de construír un parque infantil cuberto e adaptado ás necesidades educativas onde os nenos e nenas poidan desfrutar das tardes ao saír do colexio.
Para isto, piden a axuda da Consellería de Educación da Xunta e, de ser posible facelo, queren presentarlle o proxecto ao Concello e axudar "no que poidan" a pedir subvencións para levalo a cabo, a través dos fondos europeos Next Generation, por ter unha liña de inclusión e outra de transición verde.
Antecentes
A Anpa leva desde 2014 denunciando esta situación, ano no que emitiu unha orde para que comezase o proceso de desafectación, pero ata febreiro de 2022, hai un ano, o Concello non remitiu unha certificación de acordo plenario.
Despois de moita loita, este ano 2023 parece que por fin a Anpa consegue que as institucións teñan en conta as súas demandas, necesarias para mellorar unha zona vulnerable na que os nenos pasan moitas horas.