A antiga biblioteca de Samos acolle a presentación da primeira edición en galego do Tombo de Samos

A antiga biblioteca de Samos será este venres, 14 de novembro, ás 19.30 horas, o escenario da presentación de O Tombo de Samos, unha obra editada pola Editorial Canela coa colaboración do Concello de Samos e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Trátase da primeira edición en galego do códice do mosteiro samanense, cuxo manuscrito orixinal, datado no século XIII, se conserva no Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela.
O volume reúne un total de 287 pezas documentais que conforman o tombo primitivo, entre as que se inclúen textos reais, eclesiásticos, nobiliarios e escritos sobre a organización, administración e funcionamento do mosteiro, abrangue o período comprendido entre o ano 785 e o 1209. A tradución ao galego correu a cargo de Xaime Félix López Arias, quen levou a cabo este laborioso traballo durante tres décadas, culminando un proxecto de gran valor histórico e cultural.
O vicepresidente da Deputación de Lugo e a alcaldesa de Samos, Chus López, convidaron á cidadanía a asistir á presentación, que contará coa presenza do propio tradutor e do editor Pablo Quintana. Ambos destacaron que o apoio institucional a esta publicación responde ao “interese en poñer ao alcance de todas as persoas interesadas esta xoia documental que contén as claves da historia do Mosteiro de Samos e da súa contorna”.
Aínda que os documentos orixinais do tombo xa están dixitalizados e dispoñibles na biblioteca en liña Galiciana, esta é a primeira vez que se realiza unha edición completa en papel e en lingua galega, ofrecendo así unha nova vía de acceso a un patrimonio documental esencial para a memoria histórica de Galicia.