A antiga biblioteca de Samos acollerá a presentación do Tombo de Samos traducido ao galego

A antiga biblioteca de Samos, situada na Rúa da Torre, detrás da Torre do Reloxo, será o escenario o vindeiro venres 14 de novembro, ás 19:30 horas, da presentación oficial do Tombo de Samos, unha obra histórica que agora se publica por primeira vez traducida ao galego.
A edición foi posible grazas ao patrocinio do Concello de Samos e da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. O traballo de tradución, estudo e estruturación do libro foi realizado por Xaime Félix Arlindo López Arias, quen verteu o texto desde o latín coa intención de achegalo á veciñanza da comarca.
O proxecto nace co propósito de “reafirmar a nosa autoestima ao sabermos de onde vimos e o herdo que nos deixaron os nosos devanceiros”, segundo se sinala na introdución da obra. Con esta publicación, preténdese facilitar o acceso a un documento clave da historia monástica galega e poñer en valor o patrimonio cultural de Samos e da súa contorna.