A antiga prisión de Sarria acolle a exposición 'Estados emocionais' de Mercedes Freixo

A artista Mercedes Freixo presenta a súa mostra máis íntima e persoal na exposición Estados emocionais, que poderá visitarse na Antiga Prisión Preventiva de Sarria ata o 28 de maio.
Nesta exposición, Freixo convida ao público a mergullarse nunha viaxe introspectiva a través da pintura, entendida aquí como un acto libre e instintivo. As obras que conforman a mostra nacen do subconsciente da artista, permitindo que a man pinte directamente aquilo que a mente inconsciente lle transmite, sen a intervención da lóxica ou do razoamento.
Estados emocionais amosa así un universo de expresións viscerais e auténticas, nas que cada trazo é un reflexo sincero de emocións profundas. A elección do espazo expositivo, a antiga prisión sarriá, engade un simbolismo especial á mostra, converténdose nun contedor de sentimentos liberados e expresión artística sen límites.