A arte dixital irrompe nas rúas de Sarria coa proposta ‘Na xanela’ de Que Facemos

A Asociación Que Facemos de Sarria organiza unha actividade no marco do segundo bloque expositivo da TST1 ARQUIPÉLAGO INTERIOR da Asociación Huhú na liña de actividades Fóra Sede, que ten como obxectivo achegar a arte contemporánea non só na Sede, senón tamén en espazos abertos da vila de Sarria.
A través da proposta 'Na xanela', a veciñanza de Sarria poderá contemplar unha proposta de arte dixital desde o 19 de xuño nas rúas da vila, como a Casa do Marqués. Así, durará sobre 15 días, dando a posibilidade de desfrutar deste novo concepto da curadoría de Que Facemos, ao igual que na Sede segue exposta 'Vin cousas que non creríades', coa curadoría de Juan Luís Toboso e a obra dos artistas Lois Cid, Loreto Martínez Troncoso, María Paz e Rubén Santiago.
O concepto é ‘Na xanela’, tal e como explican desde Que Facemos, "busca ser unha interferencia, unha imaxe que aparece onde non debería, xusto cando xa deixaras de mirar. A partir do 19 de xuño, ventás esquecidas activaranse. Unha interrupción que se cruza no teu camiño sen pedir permiso, unha imaxe acesa apuntando directamente a ti. Un convite a un peregrinaxe inmóbil: o que acontece cara dentro, cando o de fóra nos interpela de forma inesperada. Que esas imaxes proxectadas sobre a pel antiga da vila funcionen como faros inesperados: non tanto para sinalar un porto, como para iluminar unha encrucillada. Non tanto como unha promesa, senón como un espello fragmentado onde cada quen albisque algo da súa propia procura. Quizais o tesouro sexa ese: recuperar a capacidade de abraiarse ante o que sempre estivo aí, agardando a ser visto de novo, por primeira vez".