A Asociación As Cavarcas do Incio organiza novas actividades para a veciñanza
A Asociación Cultural As Cavarcas, que comezou a súa programación cultural o 20 de xaneiro cunha charla sobre as Comunidades Enerxéticas en relación coas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, continúa as súas actividades.
Así, o vindeiro sábado, 9 de marzo, organiza unha charla coloquio sobre as vespas velutinas, o seu comportamento e o control que pode facer a poboación para combatelas, "xa que estamos no momento de informarnos e compartir coñecementos", sostén a secretaria da asociación, Carme Aira.
Esta desenvolverase no baixo do Concello do Incio a partir das 19.30 horas e contará co patrocinio da área de medio rural da Deputación de Lugo.
Máis actividades
Por outra banda, o Centro Galego de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo impartirá un curso de cestería de vimias da man das Cavarcas e coa colaboración do Concello, que facilitará os locais sociais.
Desta maneira, comezará o luns 18 de marzo de 17.00 a 20.00 horas e desenvolverase no baixo do Concello durante todos os luns ata completar as 30 horas lectivas, de modo que as alumnas e alumnos poidan completar o pequeno proxecto que escolla cada quen.
Dende a Asociación As Cavarcas animan á xente de O Incio e arredores a acudir a estas actividades e ás futuras que quedan pendentes para o resto do ano.