A Asociación Crearte programa actividades culturais para os meses de agosto e setembro na Palleira

SarriaXa
A programación inclúe cine, música e obradoiros de cerámica e movemento, coa participación de artistas como Denise Fernandes, Verónica Quintela e Noel Quintela
Crearte-teatro-e-arte
7 Jul 2025

A Asociación Crearte de Sarria continúa coa súa aposta pola cultura local a través dunha nova programación de actividades que se desenvolverán na Palleira, na parroquia de Manán, durante os meses de agosto e setembro.

A axenda comezará o xoves 21 de agosto cunha mostra de cinema Vendaval, na que se proxectará a película Hanami da directora Denise Fernandes. A programación continuará o venres 22 coa apertura do ciclo Ribela Love Nature, unha proposta musical que busca conectar coa natureza a través da arte sonora.

O sábado 23 será a quenda dun obradoiro de cerámica impartido pola artista Verónica Quintela, dirixido a todas aquelas persoas interesadas en explorar este oficio tradicional desde unha perspectiva creativa.

Xa no mes de setembro, o domingo 21, terá lugar outro obradoiro, desta volta centrado no movemento corporal, conducido por Noel Quintela.

As actividades, que combinan diferentes disciplinas artísticas, forman parte do traballo continuado de Crearte para dinamizar o rural mediante a creación, o encontro e a expresión cultural.

A entidade convida á veciñanza e ao público interesado a participar nun espazo pensado para a experimentación artística e o diálogo coa contorna.

⚙ Configurar cookies
0.14993476867676