A Asociación Cultural As Cavarcas do Incio organiza actividades para o verán

A Asociación Cultural As Cavarcas do Incio desenvolverá en datas próximas varias actividades abertas tanto para as súas socias e socios como para o resto da poboación.
O próximo sábado 5 de xullo terá lugar a terceira andaina do Camiño Eufrasiano, que comezará no Alto do Couso, na estrada do Val do Mao a Samos, ás 9.00 horas. Durante o percorrido, que pasará polo Castro de Formigueiros e as mámoas de Santa Mariña, o grupo contará coa guía de Iván Álvarez Merayo, guía de montaña e arqueólogo, que explicará as orixes e o significado destes xacementos.
A asociación manterá estas andainas mentres espera que os concellos do Incio e de Samos cumpran os acordos para oficializar estas rutas como parte dos diversos Camiños de Santiago.
Ademais, o 12 de xullo está prevista a celebración dunha xornada de tácticas de defensa persoal ao aire libre, preferiblemente á sombra, no entorno do encoro de Vilasouto, que se realizará en horario de mañá e só se levará a cabo se se acadan un mínimo de 20 participantes.
O custo será de 20 euros por persoa, e o prazo de inscrición remata o domingo 6 de xullo. Para inscribirse, pódese contactar por WhatsApp no número 659 061 819. A formación estará a cargo de Javier Navieiras, experto en técnicas de Krav Magá.