A Asociación Cultural As Cavarcas do Incio organizou unha visita á Ulloa

A Asociación Cultural As Cavarcas do Incio organizou unha actividade que levou a 15 persoas á Ulloa, unha experiencia que contou coa participación de asistentes chegados desde Lugo, Ferrol, Monforte e o propio Incio.
Esta visita xorde como continuacióm de dous talleres realizados en 2024 sobre o cultivo e procesado de plantas aromáticas, impartidos polas socias da cooperativa de Milhulloa.
Os participantes puideron coñecer de primeira man as instalacións dedicadas á produción e procesado das plantas aromáticas, que inclúen zonas de lavado, secado e almacenaxe de diversas variedades.
Tamén se mostran outros produtos, como os grelos deshidratados. Durante a visita, houbo degustacións de infusións e refrescos elaborados baixo a marca local, así como a oportunidade de probar produtos cosméticos feitos con leite ecolóxico de Casa Maruxa, acompañados de petiscos mariñeiros aderezados con herbas diversas.
A xornada continuou cun percorrido polo Castelo de Pambre, seguido dun xantar na Casa Outeiro, para finalizar cunha visita á igrexa románica de Vilar de Donas. A través desta actividade, os participantes tomaron conciencia da importancia de fomentar pequenos negocios produtivos interconectados entre si, que favorecen unha produción sostible e contribúen a manter viva a actividade no medio rural.
Esta actividade foi unha gran experiencia que motiva a Asociación a continuar a realizar actividades ao longo deste ano co apoio das socias e socios, así como da área de medio rural da Deputación de Lugo.
Ademais, As Cavarcas xa anuncia a próxima actividade para o 26 de abril ás 16:00 horas. Nesta ocasión, realizarase unha visita aos templos románicos de Santo Estevo de Ribas de Miño e Santa María de Seteventos, que rematará cunha cata de viño e produtos locais na Adega Pilares de Belesar.