A Asociación Cultural Crearte de Sarria recolleu 250 quilos de lixo no río Sarria

SarriaXa
A Asociación Cultural Crearte fai un chamamento a toda a poboación para que sexa máis coidadosa co que se bota ao WC e a adoptar prácticas máis responsables co entorno
recollida-de-lixo-Crearte-Sarria
28 Feb 2025

O pasado domingo, a Asociación Cultural Crearte de Sarria organizou unha nova xornada de limpeza no río Sarria, especificamente no tramo que percorre a zona de Manán.

Un total de 14 voluntarias e voluntarios participaron na actividade, conseguindo recoller uns 250 quilos de lixo ao longo da mañá.

A iniciativa, que segue o seu crecemento con respecto á última recollida realizada en Sarria, serviu para dar visibilidade á necesidade de implicarse na conservación dos nosos espazos naturais.

A asociación anunciou que, para seguir medrando e ampliando a súa xira de voluntarios, comezarán a organizar quedadas periódicas cada trimestre.

Aínda que a xornada foi positiva pola boa resposta da xente e o contacto coa natureza, tamén deixou un sabor agridoce. A sorpresa da gran cantidade de lixo recollido, especialmente toalliñas de baño non biodegradables, foi un recordatorio claro da importancia de concienciar á cidadanía sobre o coidado do medio ambiente.

A Asociación Cultural Crearte fai un chamamento a toda a poboación para que sexa máis coidadosa co que se bota ao WC e a adoptar prácticas máis responsables co noso entorno.

A Asociación quere dar as grazas a todas as persoas que participaron na actividade, e agardan contar con moitos máis voluntarios na próxima edición das quedadas.

⚙ Configurar cookies
0.48253297805786