A Asociación Cultural Huhú de Sarria organiza un curso de biopiscinas e estanques

A Asociación Cultural Huhú de Sarria, xunto con Alexandre Grande Permacultura, organizan un curso de biopiscinas e estanques nos meses de maio e xuño en Sarria.
Nesta formación afondarase nos aspectos biolóxicos, técnicos, construtivos e paisaxísticos necesarios para a creación destes espazos naturais.
Así, estará dividido en dous módulos e poderase asistir ao primeiro ou ao curso completo.
O primeiro módulo será teórico e terá lugar o 10 e 11 de maio, no que se aprenderá sobre fundamentos, bioloxía, técnica, deseño, aspectos construtivos e xardinería acuática en estanques e biopiscinas.
Mentres que o segundo, que comezará o 24 e 25 de maio e alongarase ata xuño, consistirá na realización e construción completa dunha biopiscina desde impermeabilización, instalación de compoñentes técnicos e sistemas de filtración, traballo con madeira, áridos, plantación e paisaxismo.
O curso do módulo teórico é de 80 euros e a parte práctica será gratuíta para os asistentes ao módulo 1. Para apuntarse haberá que mandar un correo ao enderezo otallerdelopez@gmail.com