A Asociación Cultural Huhú de Sarria presenta a exposición 'BIS/BARRA — Na parede está todo'

A Asociación Cultural Huhú de Sarria presenta a exposición do 3º bloque TST1 Trienal Sarria Triennial (2024–2026) baixo o nome de 'BIS/BARRA — Na parede está todo' o vindeiro 22 de novembro.
BIS/BARRA preséntase como un retrato ampliado das prácticas creativas da comarca de Sarria, no que conviven afeccionadas, artistas profesionais, veciñanza e participantes anónimas. Inclúe imaxes, obxectos e materiais que normalmente non se consideran obra de arte, procedentes de espazos domésticos, arquivos persoais e contextos non institucionais.
Con máis de 50 participantes e pezas de distinta natureza, é unha das exposicións máis numerosas e diversas realizadas en Sarria. E, ademais, durante o seu período expositivo, non se descarta a colaboración doutras institucións públicas, incluíndo visitas guiadas, encontros coas persoas participantes e actividades con centros escolares, ampliando así o impacto territorial do proxecto.
"Algunhas destas pezas convertéronse xa en referencias da memoria local, funcionando como ponte entre experiencia individual e historia compartida. Moitas das contribucións exhíbense por primeira vez, e a mostra incorpora formas de creación compartida e procesos colectivos que expanden o concepto de autoría", explican desde a asociación.
Nesta mostra conviven traballos domésticos, experimentos, recordos, materiais de arquivo e obra profesional, configurando unha respiración colectiva na parede. En A Sede – NDAC, o espazo non funciona como vitrina, senón como lugar de intercambio: cada peza conta algo persoal e, ao tempo, forma parte dunha historia común.
“BIS/BARRA non é só unha exposición, senón a hipótese dunha infraestrutura cultural sostida colectivamente e construída dende o territorio”, sinalan desde a Asociación Cultural Huhú.
O obxectivo non é acumular, senón poñer en relación o íntimo, o doméstico e o artístico. O dispositivo expositivo concíbese como lugar de acollida. Non hai xerarquías entre participantes: as obras permanecen, dialogan e conviven. A exposición funciona como corpo colectivo sostido polo contacto e pola continuidade.
"BIS/BARRA é un territorio común: o importante non é decidir que é arte, senón activar o que a fai posible. Na parede está todo —e o todo, desta vez, pertence a todas", conclúen.