A Asociación Cultural Huhú homenaxea a Matías Moreno no quinto aniversario do seu pasamento

A Asociación Cultural Huhú rendeu homenaxe a Matías Moreno nun acto que congregou arredor de 60 persoas, unha cifra destacada tendo en conta que coincidía con outras actividades programadas na vila.
Entre o público atopábanse amigos, familiares, antigos alumnos, músicos e persoas vencelladas ou interesadas na figura e na obra do homenaxeado, que quixeron participar nun encontro pensado para conmemorar a súa traxectoria vital e creativa cando se cumpren cinco anos do seu falecemento.
O escritor e xornalista Manolo L Poy, amigo persoal de Matías Moreno, foi o encargado de abrir o acto e de guiar aos asistentes ao longo do material compartido durante a xornada. Ao longo da homenaxe proxectáronse imaxes do proxecto común e inconcluso Via est vita, exhibíronse vídeos e tamén se puido escoitar música creada polo propio Matías, nun percorrido emocional pola súa obra e polo seu legado artístico.
As persoas asistentes tiveron ademais a oportunidade de visitar a exposición Bis/barra: todo está na parede, na que se inclúe unha obra da autoría de Matías Moreno, concretamente unha fotografía dunhas mapoulas, integrada nunha mostra que dialoga coa súa mirada artística e coa súa maneira de entender a creación.